Skip to main content
Lugo

Asinado o novo contrato da recollida do lixo en Lugo

Por 21 Xuño, 2022Xuño 23rd, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo anunciou hoxe a sinatura do novo contrato do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo.

Con esta sinatura, Lugo contará xa cunha nova empresa que se faga cargo deste servizo, durante dez anos. Un contrato improrrogable que suporá un investimento de 134,1 millóns de euros, o que a converte na de maior contía económica do municipio e que suporá un 13% de cada orzamento anual.

O novo servizo incluirá a execución de todas as operacións precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboredo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas.

Tamén como tarefa ordinaria contemplará o aseo e baleirado de papeleiras e incrementarase non só a frecuencia coa que se realizan os labores, senón tamén o número de dispositivos especiais que se desenvolverán acordes a existencia de áreas de alta densidade residencial, contornas industriais, ou zonas como o mercado, praza de abastos, mercadiños ou espazos de ocio, axustándose ás necesidades específicas de cada un deles.

A adxudicataria deberá, ademais, renovar a totalidade dos colectores actuais – case 3.700 en todo o termo municipal – e aumentalos ata un mínimo de 4.200, incorporar a recollida selectiva orgánica, de aceites, téxtil e a compostaxe individual e comunitaria e incrementar o persoal, a maquinaria e os vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos. Igualmente, outros dos requisitos que figuran nas bases é a creación dunha planta de gas para a subministración de todo o parque móbil municipal.

A xestión sostible será outra das chaves desta nova empresa. E é que ademais do aumento do cadro de persoal e a modernización dos equipamentos, a empresa deberá cumprir numerosas esixencias entre as que destacan o respecto e coidado do medio ambiente.