Skip to main content
Lugo

Arranca a formación en desfibriladores para a veciñanza de Lugo

Por 22 Xuño, 2022Xuño 25th, 2022Sin comentarios

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anuncia o comezo da formación a cidadanía sobre o manexo dos desfibriladores, cursos que impartirá o Concello en todos os barrios da cidade a través dun convenio asinado entre a concellería de Benestar coa Cruz Vermella no marco do programa Lugo con Corazón.

A rexedora anima a veciñanza a participar, destacando a importancia de adquirir coñecementos que nos poidan axudar a salvar vidas en situación en que cada minuto que pasa conta. Neste senso, lembrou que o Concello, ademais de dotar todas as dependencias municipais de desfibriladores, instalou dez en prazas e espazos públicos da cidade co obxectivo de reverter as cifras de falecementos no municipio debido ás paradas cardíacas: dos 250 casos anuais en Lugo, só un 20% dos afectados chega vivo ao hospital.

Méndez incidiu en que, a pesar de que a Xunta de Galicia non obriga a instalación destes dispositivos como xa fan outras comunidades, “desde o Concello cremos de especial importancia realizar un investir para comprar 67 desfibriladores, tendo en conta que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros 3 a 5 minutos é imprescindible xa que eleva as taxas de supervivencia entre o 49 ao 75%. En cambio, cada minuto que esta acción se atrasa redúcese a probabilidade de supervivencia entre un 10 e un 12%”.

As sesións formativas serán presenciais e a pé de rúa, e desenvolveranse durante os meses de verán e o mes de setembro. As xornadas, de 4 horas de duración en sesión de tarde, estarán guiadas por un equipo integrado de monitores e instrutores de soporte vital con certificado de capacitación.

A concelleira de Benestar, Olga López, explicou que as clases incidirán nos seguintes aspectos como a identificación dunha parada cardiorespiratoria; manobras de reanimación cardiopulmonar básica; que é un DEA?; quen pode empregalo?; que necesitamos saber?, así como no funcionamento do equipo DESA, que inclúe unha parte práctica. Para asistir, a cidadanía só debe acudir aos espazos para poder participar, non é necesaria a inscrición previa.

PROGRAMA

Xuño

29 de xuño. Quiroga Ballesteros (16.00 ás 20.00 horas)
30 de xuño. Campus universitario (16.00 ás 20.00 horas)

Xullo

5 de xullo. Praza de Augas Férreas (16.00 ás 20.00 horas)
13 de xullo. Praza do Camiño Primitivo (16.00 ás 20.00 horas)
18 de xullo. Praza Horta do Seminario (16.00 ás 20.00 horas)
21 de xullo. Parque da Milagrosa (16.00 ás 20.00 horas)
26 de xullo. Praza Mercadona (16.00 ás 20.00 horas)
28 de xullo. Parque Rosalía de Castro (16.00 ás 20.00 horas)

Agosto

2 de agosto. Praza da Milagrosa (16.00 ás 20.00 horas)
9 de agosto. Paradai (16.00 ás 20.00 horas)
16 de agosto. Ponte Romana (16.00 ás 20.00 horas)
23 de agosto. Paseo do Rato (16.00 ás 20.00 horas)
30 de agosto. Paseo do Miño (16.00 ás 20.00 horas)

Setembro

6 de setembro. Skate Garabolos (16.00 ás 20.00 horas)
16 e 17 de setembro. Caudal Fest
20 de setembro. Campo Castelo (16.00 ás 20.00 horas)
28 de setembro. Campus Universitario (16.00 ás 20.00 horas)