Skip to main content
Lugo

A alcaldesa de Lugo felicita á dirección de Albeiros polos seus programas educativos

Por 23 Xuño, 2022Sin comentarios

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo esta mañá unha visita ao CEIP Albeiros, na que felicitou ao equipo directivo polos “vosos programas educativos e as iniciativas que estades a poñer en marcha acordes co modelo de urbe sostible na que estamos a traballar, dando importancia á contorna e investigando sobre que é unha cidade de desenvolvemento sostible e sendo conscientes do que iso implica para as novas xeracións”.

Durante a visita, os alumnos amosaron orgullosos, unha maqueta do barrio de Albeiros, un traballo que elaboraron con axuda do profesorado, e no que estiveron inmersos durante o terceiro trimestre do curso.

Non faltan xardíns nas parcelas, hortos ecolóxicos, fontes, piscinas, árbores, placas solares, contedores de reciclaxe ademais do primeiro edificio público de Galicia construído integramente con madeira procedente dos montes galegos, o Impulso Verde. Para plasmar o proxecto utilizaron principalmente material de reciclaxe.

No barrio do CEIP Albeiros, existe tamén a Praza da Paz Mundial, un punto de achegamento entre veciños e veciñas de diferentes idades, desde os máis pequenos aos maiores, en busca dun beneficio común, a paz mundial. Un punto de encontro que a alcaldesa “moi orgullosa” inaugurou no día de hoxe a petición do alumnado.

Méndez explicou que “o Concello está a potenciar as zonas verdes da cidade e traballar por un entorno sostible” e sinalou a importancia de dar pasos na educación dos máis cativos,  máis alá incluso da formación regrada, motivando o seu crecemento persoal, xa que “son o futuro de Lugo”.