Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo mellorará os accesos a varios núcleos do rural

Por 23 Xuño, 2022Xuño 25th, 2022Sin comentarios

A área de Medio Rural do Concello de Lugo mellorará os accesos aos núcleos de Santa María Alta e Matelo e tamén da parroquia de Ribas de Miño partindo da pista de Argonde e atravesando o lugar de Vilachá, onde a obra alcanzará, neste caso, non só á estrada principal senón tamén aos camiños que conducen ás vivendas e á Igrexa.

A Xunta de Goberno vén de autorizar a contratación dos traballos, orzamentados en 81.734 euros e 59.543 euros, respectivamente, e cos que o Executivo de Lara Méndez “pretende materializar o compromiso adquirido coa veciñanza da zona rural de ir mellorando progresivamente as infraestruturas do municipio, atendendo todas aquelas demandas que nos fan chegar”, sinalou Miguel Fernández.

O concelleiro explicou que os labores previstos – que unha vez adxudicados terán un prazo de execución de dous meses – incluirán a limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas e a adaptación dos rexistros existentes ás novas rasantes, así como a reposición do firme con aglomerado en quente, “xa que son vías moi transitadas e que, debido á súa antigüidade, se atopan nunha situación que esixe á súa rehabilitanción urxente”, referiu o edil.

Fernández aproveitou tamén para anunciar a finalización, esta mesma semana, das tarefas de acondicionamento realizadas na N-540 á estrada de Bazar e na N-540 ao núcleo de O Corral de Abaixo, na parroquia de Calde, aos que a área de Medio Rural destinou 53.486 euros, achegados con cargo ao Plan Único do ano 2021.

“Unha intervención que se realiza para mellorar a seguridade viaria e dar resposta así ás peticións que nos fixeron chegar as persoas residentes na zona”, engadiu o responsable da área.

Miguel Fernández avanzou, así mesmo, que nos vindeiros días tamén se realizarán melloras noutras estradas como a da LU-P-2903 ao Rego do Mera, na parroquia de Vilachá de Mera, ou a da LU-P-2903 a Prógalo e en Poutomillos á que sucederá a prevista na N-640 a Pedreda, que se sumarán á xa realizada na estrada de Conturiz a Cardoso, nas parroquias de Santo André de Castro e San Mamede dos Anxos.