Skip to main content
Lugo

Sete linguas e cursos de mellora, así é a oferta da Escola Oficial de Idiomas de Lugo

Por 28 Xuño, 2022Sin comentarios

A Escola Oficial de Idiomas de Lugo ofrece o ensino de sete linguas: alemán, chinés, francés, galego, inglés, italiano e portugués. Cada ano, máis de dúas mil persoas fórmanse ou avalíanse nas súas probas de certificación.

A maioría das clases distribúense en dúas sesións semanais de dúas horas de duración cada unha, aínda que tamén hai ensino semipresencial e a distancia. Ademais dos cursos ordinarios, tamén se ofrecen cursos da modalidade semipresencial de That’s English, cursos preparatorios para as probas Celga, cursos de linguaxe administrativa ou cursos de expresión oral de inglés e de francés, que permiten ao alumnado mellorar a súa expresión oral sen a necesidade de presentarse a un exame escrito.

Non é preciso ter coñecementos iniciais dunha lingua para comezar a estudala, nin tampouco hai unha idade máxima. A partir dos 14 anos é posible estudar calquera lingua, agás a lingua que se curse como primeira lingua estranxeira na ESO. (Na maioría dos casos, esta lingua é inglés ). A partir dos 16 anos, pódese estudar calquera lingua que se oferte na Escola Oficial de Idiomas, incluso a que se está a estudar como primeira lingua na ESO.

As motivacións para estudar unha lingua son moitas e variadas: para conseguir a inserción laboral, para unha mellora no posto de traballo, para obter puntos para oposicións, para ter maior independencia nas viaxes ao estranxeiro, por exercitar o cerebro, por entretemento ou por pracer, son só algúns dos exemplos polos que as persoas se animan a estudar unha lingua na Escola Oficial de Idiomas de Lugo.

O custo económico de cada curso é moi accesible, apenas 92 euros ao ano por idioma, de xeito que é unha opción interesante para todos os petos. A cambio, o alumnado accede a unha ensinanza de calidade e actividades culturais de diferente tipo.