Skip to main content
Lugo

Unha pancarta satírica reclama o arranxo da fochanca de Garabolos, en Lugo

Por 28 Xuño, 2022Sin comentarios

Continúan as protestas veciñais en torno á gran fochanca que hai ao carón da rotonda de Garabolos. Tras meses de queixas de colectivos veciñais, nestes días aparecía unha pancarta que criticaba, de forma satírica, este foxo que o concello de Lugo ten rodeado cun valado para evitar accidentes.

No cartaz, feito a man e de cores, pódese ler: “En contrución financiado polo Exce-lentísimo Concello de Lugo 1ª entrada de metro”. Así, coa sátira que caracteriza aos galegos, reclaman ao goberno local o arranxo urxente desta fochanca.

A Asociación veciñal Alto de Garabolos, de Lugo, denunciaba a principios deste mes de xuño o “lamentable estado” que presenta esta vía de circulación e que, segundo o colectivo, supón “un grave perigo para condutores e, en consecuencia, para os viandantes”. O colectivo instaba aos titulares da Concellería de Vías e Obras a que acometan “con urxencia” a reparación do pavimento do carril afectado polo afundimento.

Pola súa banda, a concellería de Infraestruturas Urbanas, avanzaba en maio que o arranxo desta fochanca situada na avenida da Coruña faríase en varias fases para non entorpecer o tránsito de vehículos. A concellería executará os traballos durante os meses de verán, dado que se trata da época na que esta vía acolle menos tráfico.