Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo “está a facer e fará” todo o posible para abrir a zona de baño este verán

Por 28 Xuño, 2022Sin comentarios

“O Concello de Lugo fixo, está a facer e fará todo o posible para que a Plataforma de Baño Pública abra este mesmo verán”. A rexedora quixo despexar, así, con rotundidade calquera dúbida ao respecto desta cuestión ao tempo que afirmou que o Concello conta con todos os permisos oportunos, outorgados por un período de 25 anos, para poder abrir as instalacións.

“Á vista do que sae hoxe publicado nos medios de comunicación – xa que na Administración local non temos constancia de ningunha notificación oficial que diga o contrario e que nos impida seguir avanzando na creación desta dotación, tremendamente demandada pola cidadanía – cómpre sinalar que os técnicos municipais están traballando cos da Xunta de Galicia na procura das solucións máis axeitadas para resolver esta problemática que acaba de xurdir. Alternativas que poden pasar ben polo desprazamento augas arriba da propia estrutura, ben polo traslado da pequena colonia de mellilóns atopada a outro emprezamento, tal e como a Xunta lle permitiu facer á Confederación Hidrográfica para poder executar as obras do caneiro de Acea de Olga”, explicou a alcaldesa.

“En calquera caso, o Concello está a facer todo canto está na súa man, a nivel documental e técnico e económico, co acondicionamento da superficie, a colocación de mobiliario urbano, a implantación do servizo de socorrismo e mesmo co arranxo e modernización dos parques infantís da contorna, para poñer a disposición da veciñanza esta Plataforma este mesmo verán”, concluíu Lara Méndez.