Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo busca acadar unha ZBE no Centro Histórico

Por 28 Xuño, 2022Sin comentarios

O Executivo de Lara Méndez autorizará mañá, 29 de xuño, en Xunta de Goberno, a contratación dun proxecto no que se definan as solucións máis acaídas para acadar unha ZBE no Centro Histórico, ao abeiro dos fondos europeos Next Generation.

“Peonalizar non é suficiente. O obxectivo é ser verdadeiramente proactivos contra o cambio climático e pular polo benestar cidadá mediante a creación dunha Zona de Baixas Emisións. Un imperativo ao que obriga a Lei de Transición Enerxética para os concellos de máis de 50.000 habitantes pero, sen dúbida tamén, un aliciente para seguir incrementando a calidade de vida da veciñanza lucense mediante a mellora da calidade do aire e a diminución da contaminación acústica e atmosférica”, afirmou a alcaldesa lucense.

“Na actualidade, a maior parte do recinto amurallado é xa peonil. Porén, quixemos ir un paso máis aló impulsando a peonalización do 15% restante que quedaba aberto ao tráfico, estendéndoa á integridade da superficie intramuros. Falamos de tres actuacións, que recentemente vimos de licitar (Bispo Odoario, Praza do Ferrol, Santo Domingo e rúa do Teatro) pero que se ben se centran na humanización e reurbanización destes espazos, a que se contrata agora pretende ser o complemento indiscutible que determine que medidas son precisas para posibilitar ese cambio no noso modelo de mobilidade”, explicou a rexedora.

“Implantar unha Zona de Baixas Emisións – abondou Lara Méndez – leva aparelladas unha serie de variacións físicas na contorna urbana, pero tamén unha muda da regulación e certas limitacións de acceso, da circulación e do estacionamento de vehículos coa finalidade de reducir os gases de efecto invernadoiro e tamén os ruídos, aspectos que agardamos poder abordar con concreción a través deste contrato a través do cal poderemos obter toda a información necesaria para adoptar decisións que, baixo parámetros de xustiza social, nos permita avanzar na protección do patrimonio e da saúde das persoas”, subliñou a alcaldesa.

O proxecto, que disporá dun orzamento total de 71.390 euros e contará cun prazo de execución de 6 meses implicará, entre outros labores, a realización do conxunto de medición iniciais, a toma de datos e a análise dos mesmos, as visitas de campo que resulten necesarias e a celebración de reunións coas persoas afectadas como poden ser residentes, o sector do transporte, comerciantes, taxistas, autobuses, técnicos municipais, etc… “coa vontade de poder conciliar todos os intereses e de acadar aquelas solucións máis eficientes e respectuosas coa realidade social da contorna”, aclarou a alcaldesa lucense.

Méndez tamén apuntou que os traballos comprenden, así mesmo, a redacción de Ordenanzas municipais, como pode ser a que regule a propia ZBE ou a modificación da Ordenanza de circulación existente, así como a elaboración do informe final e do documento de proxecto completo, incluíndo a elaboración de planos e o resto de traballos previos”.