Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo aproba un crédito para subsanar as deficiencias do Auditorio

Por 30 Xuño, 2022Sin comentarios

O Pleno do Concello de Lugo autorizou esta mañá, por unanimidade, un suplemento de crédito, por importe de 1.525.835 euros, co que o Executivo de Lara Méndez poderá licitar proximamente o contrato para subsanar as múltiples deficiencias das que adoece o novo Auditorio de Lugo e que impiden a súa apertura ao público en condicións de seguridade.

A adxudicación incluirá o arranxo dos numerosos danos que presenta o inmoble, froito dos problemas estruturais e construtivos que padece, así como da falta de mantemento durante os catro anos que a Xunta de Galicia tardou e entregar a instalación cultural, xa executada, ao Concello.

Durante o debate, a propia rexedora clarificou que, ante a negativa da Xunta a recoller na Acta de Recepción cales eran os fallos detectados polos técnicos municipais, todas esas carencias lle foron remitidas ao ente autonómico nun escrito mentres que a tenenta de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, lembrou algún deses defectos como a inexistencia de saída de fumes na zona do restaurante e a cociña.

“Mesmo o sentido do seu voto é un recoñecemento tácito da existencia de todos eses fallos”, engadiu a edil.

Alén de todas estas patoloxías, as obras abranguerán, así mesmo, a urbanización do exterior da dotación que presenta importantes eivas en materia de accesibilidade e seguridade cidadá.

Coa partida habilitada hoxe a Administración local contribuirá, tamén, a financiar a reparación da cuberta da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo cunha achega de 38.934 €.