Skip to main content
Monterroso

García Porto inaugura en Monterroso unha mostra sobre a Banda de Antas

Por 1 Xuño, 2022Sin comentarios

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurou este mércores na Praza Alcalde Antonio Rojo Losada, de Monterroso, a mostra 125 anos resoando no Corazón de Galicia, que poderá visitarse neste concello ata finais de xuño.

A Deputación de Lugo organiza esta exposición que repasa a historia da Banda de Música de Antas de Ulla con motivo do aniversario da agrupación.

Pilar García Porto animou aos veciños e veciñas de Monterroso, da comarca da Ulloa e do conxunto da provincia a visitar esta mostra, “coa que damos valor á historia e á riqueza que supón para o noso territorio contar coa Banda de Antas”.

Esta agrupación é unha das formacións máis antigas de Galicia e “dinamiza a vida social e cultural, ademais de actuar sempre como embaixadora de primeiro nivel para a promoción da comarca”, celebrou a Deputada. Neste sentido, tamén subliñou que a agrupación ten “un gran pasado, pero tamén un gran futuro, garantido pola media de idade dos actuais membros da Banda, todos e todas eles moi novos”.

No acto, ademais da Deputada, estiveron presentes a Alcaldesa de Monterroso, Rocío Seijas Vázquez; a presidenta da Asociación da Banda de Música de Antas de Ulla, Candela Maceda Vázquez, e o autor e coautor do libro sobre a agrupación, José Salgado e Eduardo Salgado. A exposición, que xa se puido visitar nos concellos de Antas de Ulla e, recentemente, en Palas de Rei, estará situada na Praza Alcalde Antonio Rojo Losada de Monterroso durante todo o mes de xuño.

A Deputación financiou con 18.000€ a mostra, ademais de achegar outros 18.000€ para a celebración dos distintos actos conmemorativos da Banda de Música de Antas, entre os que se atopa a edición dun libro e de dous vídeos que documentan o percorrido da formación.

A Banda de Música de Antas de Ulla fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80.