Skip to main content
Monterroso

O PSdeG de Monterroso pedirá a implantación dunha ITV na vila

Por 21 Xuño, 2022Sin comentarios

O PSdeG de Monterroso avanzou que pedirá no vindeiro pleno a implantación dunha ITV na vila. O voceiro socialista, Rafael García, explicou que, a través desta moción, buscarán o apoio da corporación para reclamar á Consellería de Economía, Industria e Innovación, da Xunta, que “estude a viabilidade técnica e económica da implantación dunha nova estación ITV en Monterroso”.

Ademais tamén solicitan ao Concello, que facilite esta iniciativa “co compromiso de ceder unha parcela no Parque Empresarial, nas condicións que se determinen, así como a bonificación do 95 % do ICIO”. Nesa liña, os socialistas avanzan que iniciarán unha campaña de apoio a esta iniciativa, comezando pola rede de talleres locais, así como tamén coa recollida de sinaturas da cidadanía en xeral.

Os socialistas remarcan que “as administracións públicas deben de expandir servizos e investimentos, e se pode ser, nun marco de cooperación cos concellos .Por iso presentamos esta proposta, a nosa comarca non pode dispoñer deste servizo de inspección e a veciñanza debe desprazarse por referencia á cidade Lugo ou a Lalín para poder cumprir as revisións dos vehículos”, sinalan.

O PSdeG explica tamén que, con esta nova instalación, concellos coma o de Chantada, Taboada, Portomarín, Guntín, Palas de Rei, Melide, Toques, Santiso, A Golada, Rodeiro, Antas de Ulla e Monterroso veríanse beneficiados por esta medida.

“E a nosa vila é o lugar ideal para ubicar unha ITV principalmente pola súa centralidade. Dos concellos citados, cinco deles limitan con Monterroso, estando situados nun radio de, aproximadamente, entre 5 e 10 kms da nosa vila. Melide, Santiso, A Golada e Chantada están situados, a maior distancia, pero por debaixo dos 25 kms”.

Lembran, asemade, que o concello de Monterroso é “Nudo de Equilibrio Territorial”. Unha consideración, que os socialistas consideran o mellor aval de Monterroso.

“Porque non hai que esquecer que o Centro de Galicia, ven ser a expresión máis clara da enorme fenda, que se está a producir, entre a Galicia atlántica e a do interior, con moitos menos recursos. A nosa vila dispón, ademais, dunha ampla rede de talleres mecánicos tanto para vehículos coma para tractores, así como talleres de electricidade do automóbil, e un servizo de grúa as 24 horas, suficientes para calquera reparación ou incidencia que houbese”.