Skip to main content
Navia de Suarna

A Deputación abrirá o CAM de Navia en outono

Por 30 Xuño, 2022Xullo 3rd, 2022Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves que o Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna comezará a funcionar no mes de outubro, “cumprido así co compromiso que tiñamos de abrir a residencia no ano 2022”.

Fíxoo despois de asinar co Alcalde da localidade, José Fernández, o convenio específico necesario para a posta en marcha do centro, durante a celebración dunha xornada de portas abertas organizada pola institución provincial na que numerosos veciños e veciñas do municipio e da comarca da Montaña coñeceron unhas instalacións que contarán con 30 prazas e darán emprego a 25 persoas.

Na súa visita, o Presidente estivo acompañado polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e polos alcaldes da Fonsagrada, Carlos López; Ribeira de Piquín, Roberto Fernández; e Negueira de Muñiz, José Manuel Braña.

O convenio asinado esta mañá supón un investimento de máis de 3M€ ata o ano 2025, un documento que garante a prestación pública do servizo e establece a prioridade de acceso ás prazas para a veciñanza de Navia de Suarna, e logo para a dos municipios limítrofes e do resto da provincia. Un texto que recolle que a Deputación se compromete a efectuar o financiamento previsto, a actuar como órgano de contratación e a impulsar un equipo técnico especializado no ámbito dos servizos sociais. Pola súa banda, o Concello comprométese a colaborar coa institución provincial e a facer as achegas económicas previstas.

“Hoxe mesmo solicitamos o Permiso de Inicio de Actividade á Xunta de Galicia, e esperamos que dea unha resposta o antes posible”, avanzou o Presidente, quen puxo en valor o traballo da institución en colaboración co Concello “para chegar ata aquí: para poñer a punto esta residencia, para dotala de equipamento e para dar todos os pasos administrativos que son necesarios para poñela en servicio”.

O Presidente subliñou que, “se vai todo sobre o previsto, cumpriremos co compromiso que tiñamos adquirido co Alcalde, co Concello e cos veciños e veciñas, de abrir a residencia neste ano 2022”.

José Tomé sinalou que “xa hai unha vintena de solicitudes para entrar a vivir no centro, o que demostra a necesidade real que existe deste servicio, e a boa acollida do modelo asistencial que temos implantado nas residencias da Deputación”. Destacou que este é un modelo “de residencias que son públicas, que poñen no centro ás persoas, que non buscan o beneficio económico, senón o benestar e a dignidade dos nosos maiores”. De feito, destacou, “este centro ten 30 prazas e contará con 25 traballadores, o que supón case un coidador por persoa”.

Un modelo que, en palabras do Presidente, favorece “o arraigo, porque os veciños e veciñas de Navia terán prioridade para acceder ás prazas e, polo tanto, poderanse quedar a vivir aquí recibindo os coidados que necesitan”. As residencias da Deputación, destacou, crean emprego, “25 postos de traballo directos, máis todos os empregos indirectos, e crean actividade económica, porque os produtos e servizos que necesite este centro serán de produtores e de negocios da zona. Así que, o funcionamento da residencia terá un retorno económico para Navia de Suarna e para a comarca da Montaña”.

Os veciños e veciñas puideron coñecer na xornada de portas abertas celebrada hoxe o interior do centro e as súas dotacións, os servizos que se ofertarán e as actividades que está previsto desenvolver en cada unha das dependencias.