Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Outeiro de Rei contará con dúas piscinas públicas e un centro BTT para bicicletas de montaña

Por 3 Xuño, 2022Xuño 4th, 2022Sin comentarios

A intervención incluirá a adecuación da parcela e a correspondente urbanización así como a construción das novas edificacións previstas e dos servizos complementarios.

O Concello de Outeiro de Rei contará con dúas piscinas públicas e un centro BTT para bicicletas de montaña cun investimento total previsto de máis de 1,1 millóns de euros.

O obxectivo da intervención será dotar ao municipio lucense dunha nova área deportiva e recreativa que terá como elemento principal o complexo acuático e os servizos complementarios asociados.

O Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Outeiro de Rei que permitirá acometer e incorporar ao patrimonio municipal as obras resultantes.

O ámbito de intervención correspóndese cunha parcela que ten unha superficie aproximada de 2.688 metros cadrados, localizada en Santa Isabel, preto da área recreativa do mesmo nome ao carón do Miño. O primeiro paso será a adecuación dos terreos nos que se proxecta o complexo, para de seguido acometer a construción das instalacións previstas e a urbanización do entorno.

O proxecto enmárcase no plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar actuacións destinadas a crear, mellorar e integrar coa contorna espazos de uso público e equipamentos urbanos.

Inclúe a construción dunha edificación que albergue, ademais das instalacións necesarias para dar servizo ás piscinas, estancias aptas para outras actividades.

A instalación central serán as dúas piscinas municipais ao aire libre, unha delas de uso infantil e a outra para adultos, que contarán con zonas destinadas a usos complementarios así como para aseos e vestiarios de uso público e área de enfermería.

A tal fin, o proxecto inclúe a construción dunha edificación que albergue, ademais das instalacións necesarias para dar servizo ás piscinas, estancias aptas para outras actividades. En concreto, unha cafetería con espazo para almacén, cociña e baños propios; e un centro BTT cunha zona taller para reparación das bicicletas, unha área exterior de lavado e aseos de uso exclusivo e independente para os seus usuarios.

O acordo autorizado hoxe enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo mediante acordos nos que se regulan as bases da colaboración técnica e económica entre Administración local e autonómica.

No caso de Outeiro de Rei, o compromiso de financiamento das obras para as anualidades de 2022, 2023 e 2024 ascende a 1.101.955,82 euros, dos cales o 70% será achegado polo departamento galego e o 30% restante polo Goberno municipal.

Ademais, a Consellería asumirá a contratación da execución e da dirección das obras, a xestión das mesmas ata que se completen os traballos conforme ao previsto, e a formalización dos actos de recepción. Pola súa banda, o Concello encargarase da redacción do proxecto no que se definan as actuacións a executar, e unha vez recepcionadas, da súa explotación, mantemento e conservación.

Cómpre subliñar o compromiso do Goberno galego nos últimos 12 anos por brindar o seu apoio ás entidades locais a través do plan Hurbe na promoción de actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños.

Grazas a esta iniciativa, no período entre 2010 e 2021 a Xunta colaborou xa no financiamento de máis de 360 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, cun investimento global que supera os 155 millóns de euros. Esta liña de cooperación manterase tamén en 2022, cun orzamento de 7 millóns de euros reservados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.