Skip to main content
Pedrafita

Pontón “moi preocupada” polo colapso do viaduto do Castro

Por 17 Xuño, 2022Sin comentarios

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, declarouse “escandalizada e moi preocupada” polo colapso do viaduto da A6 tras o segundo derrube da plataforma, pasando en apenas unha semana de estar a punto de reabrir a ponte despois duns arranxos millonarios, a barallar a súa demolición.
Pontón demanda que se aclare “cal é a responsabilidade das empresas construtoras e se estamos asistindo a un encubrimento por parte do Goberno do Estado e do Goberno da Xunta da súa responsabilidade. Non vemos normal o silencio da Xunta e nos parece que hai neste asunto unha complicidade, un pacto de silencio PP-PSOE que entendemos politicamente impresentable. A quen queren protexer?”, se pregunta a líder do Bloque.

“Desde o BNG preguntámonos que está pasando con este viaduto que foi construído fai 20 anos, non 200, pero que se cae a cachos? Preguntámonos que espera a ministra de Transportes para vir dar explicacións ós galegos e as galegas, ante o colapso dunha infraestrutura que comunica Galiza coa meseta, polo tanto unha infraestrutura de primeiro nivel”, interpelou a líder nacionalista.

Pontón subliña que o BNG xa ten solicitado a comparecencia da titular de Transportes, que reitera, porque o que non é de recibo e que tras o segundo derrube “a ministra o único que faga sexa poñer un chío”, -criticou-. Ao mesmo tempo, pide unha investigación para aclarar que pasou para que se veña abaixo unha ponte con apenas dúas décadas de funcionamento, “cando ademais foi unha das máis caras do Estado”.

A formación nacionalista tamén reclama que se faga pública e se explique a estratexia e o calendario para volver poñer en funcionamento unha infraestrutura destas características, de gran importancia tanto en termos de mobilidade como económicos. “Imos facer estas solicitudes no Congreso e no Parlamento, coa axuda do PP-PSOE ou sen ela”, concluíu, ao que se suma a reclamación de que se faga unha auditoría en  todas as infraestruturas similares que existen en Galiza, en aras da seguridade da cidadanía.