Skip to main content
Portomarín

O PSdeG de Portomarín tilda de “improvisación” a falta de orzamentos no Concello

Por 8 Xuño, 2022Sin comentarios

“Improvisación e falla total de traballo”, así describen os socialistas de Portomarín, que a día de hoxe, 6 meses dende o inicio do ano, “o alcalde e todo o seu Goberno non ten presentado nin os orzamentos para esta anualidade nin tampouco as contas municipais”.

A Voceira Socialista, Silvia Rodríguez advertiu que esta situación de completa deixadez, “que tampouco é nova no Concello, pode poñer en perigo proxectos de futuro, así como a concorrencia e a participación en subvencións e axudas das diferentes administracións públicas”.

Como explican os socialistas, os orzamentos son a “folla de ruta que marcan as diferentes políticas e os investimentos dos pequenos concellos”.

“Non podemos estar en pleno mes de xuño sen saber en que vai gastar o Concello os nosos orzamentos e cales van ser as súas prioridades. Aínda que xa nos teñen acostumando a realizar un copia e pega doutras anualidades, esperemos que esta ano se poñan a traballar para realizar un documento real e acorde as necesidades do Concello de Portomarín. E sobre todo no que se escoite aos colectivos e as asociacións da vila co fin de dar resposta as súas demandas”, insisten dende o PSdeG.

Os socialistas non entenden “a que esta esperando o alcalde” para dar conta deste documento económico. “Ao noso rexedor, como neste e outros moitos asuntos, nin esta nin se lle espera”, replican os socialistas.

“Chegan tarde, incumpren prazos de presentación e, seis meses despois, seguimos esperando a que nos presenten os orzamentos municipais. No noso concello hai moita política de foto e propaganda, e moi pouca do traballo diario e do importante. A veciñanza demanda explicacións desta situación de abandono, e nós tamén”, remarcan.