Skip to main content
Bóveda

Coñécense os gañadores do concurso de poesía Florencio Delgado Gurriarán

Tras a reunión do xurado, o Concello de Bóveda fixo públicos o 22 de xuño os premiados e premiadas no II Concurso de Poesía homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán.

O Concello de Bóveda deu a coñecer o 22 de xuño aos vencedores do certame de poesía que rende tributo a Florencio Delgado Gurriarán.

O primeiro posto na categoría de adultos recaeu en Roberto López Veiga co poema Quedamos sen moscas e o segundo en Xosé Casar pola súa obra Ao Volver. Dentro da categoría infantil A gañou Alba López Rubio con O corzo da Serra de Penas e na infantil C o galardón foi para Laura Gómez Grande por  A miña terra.

O xurado estivo composto polas escritoras Noa Moreira García e Mónica Sánchez Rodríguez, así como por Mª del Rocío Rodríguez López, editora e libreira, e Cristina Juíz López, concelleira de Cultura. A concelleira de Cultura, Cristina Juíz, agradeceulle  ás tres integrantes do xurado “a súa participación desinteresada neste certame, o seu esforzo e dedicación valorando todos os traballos para emitir o seu fallo”.

Os gañadores e gañadoras recibirán os seus diplomas e un premio dun lote de libros de diferentes importes en datas próximas. Os seus traballos tamén serán publicados no Facebook do Concello de Bóveda.