Skip to main content
Carballedo

Rueda resalta o seu compromiso cos maiores cunha visita a nova residencia de Carballedo

Por 1 Xuño, 2022Sin comentarios

O presidente da Xunta visitou a nova residencia e centro de día de Carballedo, que conta con 20 prazas de centro de día e 23 de fogar residencial.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o compromiso cunha Galicia con máis e mellores servizos para todos os galegos “vivan onde vivan”.

Sobre este punto incidiu en que a atención aos maiores é competencia de todas as administracións, referíndose á nova residencia e centro de día de Carballedo, na que a Administración galega investiu máis de 800.000 euros, para poñer a disposición dos veciños 20 prazas de centro de día e 23 de fogar residencial.

Durante unha visita ás novas instalacións, xunto á conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, o titular do Executivo autonómico aseverou que para aqueles maiores que prefiren seguir vivindo nos seus domicilios, a Xunta puxo en marcha iniciativas como: o programa Xantar na Casa, co que se achega menús xa preparados a máis de 1.800 persoas de 194 concellos; ou o Servizo de Axuda no Fogar que, cun investimento anual de 100 millóns de euros, atende a máis de 24.000 galegos.

Así mesmo, cómpre salientar o labor que realiza o autobús de Coidados porta a porta, que percorre todos os concellos de Galicia para atender aspectos relacionados coa podoloxía, a audioloxía e a estimulación da memoria; a importancia da rede de teleasistencia, que permite que os maiores que viven sos alerten ante calquera emerxencia con só pulsar un botón; ou o funcionamento das máis de 80 Casas do maior, que prestan atención diúrna aos maiores en concellos pequenos.

“Seguiremos comprometidos, en definitiva, cun Goberno útil. Esta é a nosa obriga”, concluíu, apelando á colaboración entre administracións para que todos os galegos teñan a posibilidade de decidir envellecer nas súas casas, con atención profesional.