Skip to main content
Chantada

Chantada: Fin de semana de troula, viño e música

Chantada festexou a súa Feira do Viño coa apertura dos stands das adegas, catas e múltiples actuacións musicais.

Prolongouse a Feira do Viño de Chantada do venres, ás 20.00 da tarde, ata a madrugada de hoxe. Todo comezou coa apertura dos stands, onde as principais adegas se deron cita. Asemade, á mesma hora, arrancaron os cantos populares con “Son Outeiro e a actuación da charanga “Unión Phenosa”. Pola súa banda, a noite estivo amenizada polo “Grupo Claxón”.

Xa o sábado, os asistentes desfrutaron da música  da man dos gaiteiros “Os Barrios” e “Searas”. Á par, tamén houbo concertos de presentación coma o da “Agrupación Tradicional da Casa da Música”. Así como actuacións por parte da “Banda de Música de Chantada”, a charanga “Mekanika” ou “Festicultores Troupe”. Pola tarde, a VI Cata Popular foi a gran atracción, namentres que a sesión da noite correu a cargo da “Orquestra Pontevedra”.

Na xornada de onte, as numerosas actividades desenvolvéronse, dende as 10.30 horas, coa Cata Oficial da XXXIX Feira do Viño de Chantada. Seguíronlle as  interpretacións da charanga “NBA”e da “Banda de Gaitas do Concello de Chantada”.  Ás 13.00 do mediodía, Anxo Angueira encargouse de dar o pregón, o cal deu paso ao xantar oficial. Xa pola tarde, entregáronse os premios desta nova edición da Feira do Viño de Chantada, continuando a festa coa música da “NBA”, “Louband” e “Orquestra Saudade”.

Todos os stands permaneceron abertos ao longo destes tres días ata as 2.00 horas, onde público puido gozar do  viño e da festa ata a madrugada.