Skip to main content
ChantadaFolgoso do CourelSober

Interior Galego Vivo pide que os sumidoiros de carbono os xestionen as Comunidades de Montes en Man Común

Por 22 Xuño, 2022Xuño 24th, 2022Sin comentarios

Interior Galego Vivo reclama que as boas prácticas ecolóxicas das Comunidades de Montes ou dos agrupamentos de propietarios teñan un retorno e sirvan para fixar poboación no rural e evitar a especulación co territorio.

Interior Galego Vivo defínese a si mesmo como “unha plataforma de xentes, agrupacións locais e asociacións polo dereito á vida digna no interior galego”.

Entre os colectivos que asinaron o seu manifesto, Por un interior galego Vivo, atópanse Por Chantada, Agroma Sober, C@urel Vivo ou Esperta Monforte!, entre outros.

Nos pasados meses,dita plataforma interesouse ante o Ministerio de Transición Ecolóxica e a Consellaría de Medio Rural pola cuestión dos sumidoiros de carbono e, especificamente, polo feito de se podían xestionar estes as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e as agrupacións de propietarios forestais.

O interese de Interior Galego Vivo procede “do crecente acaparamento de terras por parte de empresas alleas ao territorio para elaborar sumideiros de carbono con plantacións en áreas de dubidosa viabilidade e, en todo caso, cun rendemento inferior ao que terían as comunidades locais cunha xestión directa”.

“Para alén do oxímoro que supón confiar a mudanza climática a solucións de mercado, consideramos que se trata de máis un exemplo de desconsideración cara ás comunidades locais e de falta de planificación –sempre a prol das grandes empresas e de xerar negocio cos bens comúns como a auga, a terra ou o ar–”, manifestan desde a organización.

 

Que son os sumidoiros de carbono?

IGV explica que se comprende como sumidoiro  “todo sistema ou proceso polo que se extrae da atmosfera un gas ou gases e se almacena, actuando como tais as formacións vexetais, debido á fotosíntese. Así, os vexetais absorben CO2, que compensa as perdas deste gas que sofren pola respiración e o que se emite noutros procesos naturais como a descomposición da materia orgánica”.

Deste xeito, lembran que no Protocolo de Kyoto “considéranse sumidoiros certas actividades de uso da terra, cambios de uso e silvicultura”, amais de que directivas europeas “estableceron un marco para o comercio de dereitos de emisión de gases de efecto estufa na Unión Europea”.

Tamén explican que o marco legal vixente a nivel estatal e galego obriga a adoptar medidas para a “xeración e a conservación das masas forestais e da produción e comercialización de produtos forestais procedentes de explotacións galegas con certificación forestal, así como dos produtos derivados con certificación no seu proceso produtivo no ámbito galego, para os efectos de aumentar a capacidade de almacenamento de CO2 nos sumidoiros galegos”.

Por iso, entre as medidas a tomar, “entra a posibilidade de participar no mercado de dereitos de emisións por parte das Comunidades Veciñais de Montes en Man Común, recoñecéndose así o papel dos seus bosques, de ser o caso, como sumidoiros de carbono, e redundando nunha riqueza para a comunidade que se pode reinvestir en actividades que continúen a reducir a pegada ecolóxica”.

Pola contra, informan que  desde a Consellaría indica que “na actualidade non está regulado un procedemento para que desde as CMVMC ou agrupacións de propietarios forestais se proceda á configuración de sumidoiros de carbono”, e así derivan todo o protagonismo a “iniciativas forestais de carácter privado”, o cal significa a “intermediarios alleos á propiedade da Terra que son os que realmente fan negocio”.

 

As propostas de Interior Galego Vivo

Dende a plataforma consideran “fundamental que se dea a posibilidade de xestionar os sumidoiros ás Comunidades Veciñais de Montes en Man Común, como forma colectiva de propiedade da terra que debe reforzarse e adquirir un protagonismo central na transición ecolóxica”.

Deste xeito, salientan que “a necesidade de reducir as emisións de gases de efecto estufa é unha tarefa colectiva, polo que este singular modelo de propiedade galego debe ter un papel central”. Por outra banda, tamén explican que isto  “suporía recoñecer ás comunidades de boas prácticas ecolóxicas e repercutir nelas un beneficio económico por contribuír á transición ecolóxica, por secuestrar carbono”.

Por conseguinte, desde IGV teñen claro que “deixar o mercado de dereitos de emisión só en mans privadas favorece a especulación, mentres que fomentar a súa xestión mediante fórmulas colectivas fomenta o ben común”.