Skip to main content
Monforte

Constrúese outra caseta de servizos en Monforte para o embarcadoiro do río Cabe

En Monforte comezaron as labores de edificación dunha nova estrutura que se empregará para dar servizo ó embarcadoiro do río Cabe.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que veñen de iniciarse este 16 de xuño os traballos de construción dunha nova estrutura que servirá para dar servizo ó embarcadoiro do río Cabe, situada á beira do pantalán do parque dos Condes.

Trátase dunha caseta construída en madeira, de dimensións 4×3 metros, e conta cun investimento de 5.587,18 euros. Esta nova construción substitúe á anterior caseta, que estaba en mal estado, motivo polo cal dende o equipo de goberno se decidiu substituir por unha totalmente nova.

Tomé afirmou que “trala renovación o pasado ano do pantalán deste embarcadoiro do Parque dos Condes, no que levamos a cabo un investimento de 20.000 euros, e que supuxo a substitución das táboas de madeira e dos flotadores de dito pantalán, agora acometemos a construción dunha nova caseta para dar servizo a esta zona do río, e substituír á anterior que se atopaba en mal estado”.

A súa finalidade será reforzar a actividade que o Concello desenvolve durante os meses de verán en relación cos paseos en barca polo río Cabe, así coma outras necesidades que poidan xurdir ó longo de todo o ano nesta zona do parque dos Condes.

Deste xeito, a nova construción servirá como taquilla para a venta de entradas dos paseos en barca, e tamén será utilizada como almacén para gardar os chalecos, remos e outros elementos de seguridade das barcas, así como o material utilizado para a limpeza das mesmas.