Skip to main content
Monforte

O BNG de Monforte reclama á Xunta melloras das condicións laborais no Servizo de Axuda no Fogar

Por 23 Xuño, 2022Xuño 27th, 2022Sin comentarios

O BNG de Monforte rexistrou unha moción para o vindeiro pleno onde reclama á Xunta que se garanta o cumprimento do convenio colectivo e o incremento salarial do persoal do SAF.

O BNG de Monforte vén de presentar unha moción de cara ao vindeiro pleno municipal na que se reclama unha mellora nas condicións laborais das traballadoras e traballadores do Servizo de Axuda no Fogar.

“Os servizos públicos garanten que a veciñanza poida contar con ferramentas que fagan a vida máis doada”, explicou o portavoz do BNG en Monforte, Emilio Sánchez, que engadiu “o SAF permite garantir o dereito a unha vellez digna, e o persoal que presta este servizo cumpre un papel esencial, proporcionando atención e realizando as tarefas necesarias para que moitas persoas poidan garantir a súa calidade de vida”.

A proposta do BNG insta á Xunta de Galiza a asumir a súa competencia neste servizo, mediante a creación dun sistema público e galego de coidados, que garanta o dereito dunha vellez digna a toda a poboación. Ademais, o BNG reclama que o goberno galego traballe xunto coas organizacións sindicais e as empresas, garantindo o cumprimento do convenio colectivo do sector da atención a domicilio, cumprindo co incremento salarial do 6,5% ás traballadoras e traballadores deste servizo.

“As traballadoras do SAF levan loitando moitos anos pola súa profesionalización e contra os abusos das empresas concesionarias”, declarou Emilio Sánchez. Segundo o portavoz do BNG, “é de dereito recoñecer e facer efectivos os convenios do sector, e avanzar na mellora das condicións laborais das traballadoras e traballadores deste servizo esencial”.