Skip to main content
Monforte

Tomé ordena a contratación por emerxencia da reparación do piar e da revisión da ponte sobre o Cabe en Piñeira

Por 30 Xuño, 2022Xullo 1st, 2022Sin comentarios

Como consecuencia, o rexedor monfortino ordenou o peche da circulación de vehículos pesados pola ponte mentres duren os traballos de revisión e reparación.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que vén de “ordenar, de forma inmediata, a contratación por emerxencia da reparación do piar e da revisión da ponte sobre o Cabe en Piñeira”. Esta decisión foi adoptada, vistos os informes emitidos polo inspector xefe da Policía Local da Policía Local e pola Arquitecta municipal.

Nestes informes indícase que tal deficiencia afecta a “unha das pilas da ponte, que se afundiu polo lado norte, perdendo o contacto coa plataforma da ponte nos puntos en que apoiaba, dando lugar a que a luz do vano onde se situaba dita pila se duplicouse, polo que se prexudica considerablemente a súa resistencia”.

“Detectada a deficiencia, e acordo co establecido no artigo 120 da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público”, sinala o alcalde, ”dende o Concello procedemos de forma inmediata á tramitación de emerxencia das obras de aseguramento desta ponte e proceder á contratación das obras de reparación desta deficiencia á empresa Extraco, S.A.”

“Do mesmo xeito, tamén lle indicamos á empresa Extraco que leve a cabo unha revisión do estado xeral desta ponte sobre o río Cabe na parroquia de Piñeira co obxecto de determinar a necesidade de outras reparacións co obxecto de garantir a súa seguridade”.

A ponte sobre o Río Cabe ao seu paso polo Parroquia de Piñeira está formada por unha plataforma apoiada sobre varias pilas, con dous puntos de apoio en cada pila, todo elo con estrutura de formigón armado.

Do mesmo xeito, o alcalde decretou por seguridade, “a prohibición da circulación de vehículos pesados pola ponte sobre o río Cabe na parroquia de Piñeira, debido á perda de verticalidade dun dos seus piares, por atoparse parcialmente desconectado do taboleiro de dita ponte”.

Queixas dos veciños no ano 2001 sobre o estado da ponte

En relación con estes feitos, o alcalde recordou que “xa no ano 2001 os veciños da parroquia manifestaron as súas queixas en relación co estado desta ponte, algo que foi recollido polos medios de comunicación”.

En concreto, os medios reflexaron as queixas trasladadas pola Asociación de Veciños de Piñeira ó Concello, no mes de xuño de 2001, ó que lle instaban a revisar esta ponte, pois sospeitaban que o proxecto de ampliación da mesma podía haber pasado por alto que unha das zapatas da construción quedara sen reforzar nunha reforma precendente.