Skip to main content
O Saviñao

A Asociación Veciñal do Saviñao axuda á atleta Nuria López

Por 1 Xuño, 2022Xuño 3rd, 2022Sin comentarios

A atleta máis premiada do Saviñao corre nunha cadeira de rodas. Nuria López vive, traballa e entrena na casa familiar de Licín sen axudas nin apoio da Federación de Atletismo, a pesar de ter gañado 30 Campionatos de España e outros títulos en Copas do Mundo, como a de París, na que conseguiu tres podios hai uns meses.

Nesta competición, segundo conta ela mesma, os medios de comunicación dicían: “Gañou a atleta española”, pero en realidade Nuria non representaba a España, senón que foi a título persoal porque non fora seleccionada pola federación. Isto significa que ademais ten que pagar ela os desprazamentos ás carreiras.

Nestas condicións, e contando só coas pequenas aportaciónsque recibe, fáiselle imposible asumir a compra dunha cadeira de rodas adaptada, que custa 6000 euros. Agora ten unha de terceira man, moito mellor que a outra que tivo, de quinta man.

Sabendo destas dificultades, a Asociación veciñal do Saviñao decidiu en asemblea facer unha doazón para axudala a conseguir os seus obxectivos. “Cando a visitamos e coñecemos as súas circunstancias, quedamos impresionados pola valentía, a vontade e a forza que demostra, tendo en conta as dificultades que ten que afrontar. Malia todo, ela segue adiante á súa maneira, porque lle gusta correr e tomar decisións. Desexámoslle moita forza e moitos éxitos”, afirman dende a asociación.