Skip to main content
Sober

Presentan en Sober un visor dixital con máis de cincuenta rutas turísticas

Por 4 Xuño, 2022Xuño 5th, 2022Sin comentarios

Os itinerarios de A paisaixe de Galicia desde a bicicleta  estarán  cartografados e poderase efectuar a súa descarga. 

Ángeles Vázquez,  conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, visitou onte Sober. A súa viaxe serviu para anunciar esta aplicación, a cal será activada nos vindeiros días.  Asemade, con motivo do Día Mundial da Bicicleta, tamén aproveitou para pasear nela pola zona.  Ao seu carón estiveron  Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo,  e Luís Fernández, alcalde de Sober. Tamén os acompañou  o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador. A ruta desenvolveuse polos miradoiros do Boqueiriño e da Cividade,  preto da igrexa de Santa María de Bolmente. Concretamente, este traxecto é  un dos 52  seleccionados para formar parte da  primeira fase do visor.

Dende a Xunta destacan que “todas as rutas foron escollidas polo seu valor paisaxístico”,  tendo en conta sempre  a seguridade dos tramos. De feito, apuntan que “un dos criterios foi que menos dun 25% do percorrido sexan estradas”. Pola súa banda, Vázquez aproveitou á vez para sinalar  o aumento da afección polo ciclismo ultimamente. Neste senso, explicou que o visor dixital  será “útil e moi completo”, facilitando novas referencias a todos cantos devezan por coñecer Galicia.

O proxecto conta coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo e da empresa do sector turístico Sherpa Project. Tras a súa posta en marcha, desde a Xunta agardan ir aumentando  o número de enclaves xeográficos. Para iso, a ferramenta permitirá visualizar, con  gran  calidade de imaxe, a contorna que decidan explorar. Ademais de facilitar a cada usuario unha ficha específica con  información variada acerca do traxecto. Esta, a súa vez, incorporará un código QR que levará aos usuarios a Wikiloc, unha aplicación gratuíta e moi popular entre os ciclistas.

O IET aportou xa 32.000 euros “á recollida de datos, o seu tratamento e  posterior comprobación das rutas de maneira presencial”. Non obstante, calculan que o  mantemento adecuado significará un gasto anual de 150.000 euros.