Skip to main content
Sober

A Deputación inicia obras na estrada de Sober a Doade cun investimento de case 120.000 euros

Por 22 Xuño, 2022Xuño 24th, 2022Sin comentarios

Este 22 de xuño arrancaron os traballos na LU-P-5903 que consisten na ampliación do ancho da vía, drenaxe, afirmado, pavimentación e sinalización horizontal que garanta a seguridade viaria e a comodidade da veciñanza e dos visitantes. 

A Deputación de Lugo comezou este 22 de xuño novos traballos de mellora da estrada provincial LU-P-5903, que conecta Sober e Doade. Uns traballos nos que a institución inviste preto de 120.000 euros para renovar o treito comprendido entre os puntos quilométricos 13,740 e 14,480.

Estas obras dan continuidade a uns traballos executados no anterior tramo, entre os quilómetros 13 e 13,740 cun investimento de 100.000 euros. Agora a institución ten en fase de licitación novas actuacións na vía, do 12,845 ao 15,350 por importe de 135.000 euros. Polo tanto, o investimento total da Deputación nesta estrada alcanza os 355.000 euros.

Con respecto ao proxecto que se está acometendo, os labores consisten na ampliación da plataforma ata conseguir unha anchura de 5,5 metros, drenaxe, afirmado e pavimentación e sinalización horizontal.

A previsión é que quede rematada nas vindeiras semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

A institución provincial recalca que estas obras non só benefician aos veciños e veciñas de Sober, senón tamén a numerosos visitantes que empregan esta estrada para coñecer a comarca da Ribeira Sacra, os miradoiros e as adegas.

17,3 millóns de euros á mellora das comunicacións

Deste xeito, a Deputación continúa a mellorar a rede viaria provincial, favorecendo a seguridade, o equilibrio territorial e a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia de Lugo. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, salienta a importancia destes traballos e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”.

Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico da cidadanía porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”.
A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.