Skip to main content
Axenda SARRIAXASarria

A programación do San Xoán de Sarria xa está aquí

Por 23 Xuño, 2022Xuño 24th, 2022Sin comentarios

“Mouchos, coruxas, sapos e bruxas! Demos, trasgos e diaños, espíritos das nevoadas veigas. Corvos, pintigas e meigas, feitizos das manciñeiras…”, así comeza este conxuro tradicional que se pronuncia nas queimadas. Ben seguro que nos días que se aproximan ha de saír da boca dos sarriáns en múltiples ocasións, pois a  súa noite máxica, a máis curta do ano, volve traer consigo unha viaxe no tempo, onde a tradición e o reencontro se fundirán de novo entre si. Por enriba, nesta ocasión, a data cobra maior relevancia, pois coas condicións sanitarias melloradas os festexeiros poderán gozar, tras dous anos, de meirande liberdade para vivir o San Xoán como se merece.

A programación deste ano, ofertada polo Concello de Sarria, chega repleta de grandes artistas e novidades, con toda a forza mester para que o San Xoán vibre entre fogueiras e desexos.

Todo comezará na tardiña do 23 de xuño e chegará ao seu fin catro días despois. Esta primeira xornada está previsto que arranque co pregón de Óscar Puente máis a actuación da Banda Municipal, de  Meigas Peleriños, así como tamén contará coas Pampónigas no seu habitual desfile na praza da Constitución. Xa á noite, ao redor das 21.30 horas, está organizada a pancetada e ás 22.30 entrarán en escena Eoas e Correfoc, Dimonis de la Plana. Ás 00.00 celebrarase a queimada e  fogueira que irán seguidas da actuación de Enigma.

O venres, 24 de xuño, está establecida de mañá a misa e a procesión. Asemade, na sesión vermú haberá de novo concerto da banda e da La Unión. Xa pola tarde, os diversos pasarrúas estarán animados por Louband, Gaiteiros Golán e Tambukada. Cando caia a noite, están fixadas as actuación de New York, ás 22.30 horas, e máis tarde da orquestra Olympus, que comezará o seu pase logo dos fogos de artificio.

O sábado, día 25, a sesión vermú será amenizada por Siniestro Parcial e Proyecto Valley na praza da Vila. Xa de tarde, volverá haber pasarrúas con Tambukada e Meigas. Máis tarde, Sound Sister presentarase na praza da Vila, ao redor das 20.30 da tarde. Dúas horas despois será a quenda da orquestra Miramar e ás 00.00 actuarán Os Satélites.

O domingo 26 de xuño, a festa continuará na sesión vermú coa presenza de Malditos Roedores no Cruce da Estación e de Mustélidos no paseo do Malecón. Pola tarde, os pasarrúas estarán ao cargo dos Peleriños e Pampónigas, amais da actuación da charanga Ardores. Xa ás 22.30, o público poderá desfrutar de Player e ás 00.00 será o intre da Panorama.

No último día de troula, o 27 de xuño, Louband regresará na hora do vermú ao campo da feira e proseguirá a súa actuación tamén pola tarde. Ao mesmo tempo, tamén se desenvolverá a tarde infantil na praza da Vila. Así mesmo, haberá animación por parte de Barafunda, Polbo Escapista e Mago Lolo. Xa ás 22.30, as celebracións pecharanse definitivamente co show do Combo Dominicano.