Skip to main content
O Páramo

O Páramo inaugura a XLIV edición das Feiras e Festas de Primavera

Por 11 Xuño, 2022Xuño 14th, 2022Sin comentarios

Esta cita recupérase tras o parón a causa da crise sanitaria e conta co apoio da Deputación.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na inauguración da XLIV edición das Feiras e Festas de Primavera, que se volve festexar esta fin de semana tras dous anos de parón. As celebracións acontecerán ao longo da fin de semana no Campo da Feira de Vilarmosteiro. No acto de apertura tamén participou o Alcalde da localidade, José Luis López López, ademais doutros representantes locais e provinciais.

Tras a inauguración, o xornalista e escritor Xulio Xiz foi o encargado de pregoar esta cita organizada pola Asociación Amigos do Campo da Feira. Rivera Capón salientou a importancia desta cita, coa que colabora a institución provincial cunha dotación de 8.000€.

“Esta actividade impulsa o sector primario e recupera oficios tradicionais. Dende a Deputación de Lugo buscamos estar a carón dos concellos e facelo con propostas coma esta é sempre un orgullo e unha oportunidade para dar a coñecer todo o que temos na nosa provincia”, afirmou o Deputado.

Un dos atractivos desta cita está na Feira de Gando, que terá lugar hoxe, coa participación de 350 reses, na súa maioría de gandeiros e gandeiras do Concello do Páramo e da comarca de Sarria. Tamén haberá unha representación de exemplares da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega. Durante os tres días, os asistentes poderán visitar exposicións permanentes de maquinaria agrícola, artesanía e pintura, ademais de participar en obradoiros de cestería.

 

A Deputación co Páramo

Dentro desta liña de colaboración cos concellos, a Deputación de Lugo inxecta este ano 2022 máis de 245.000€ ao Concello a través do Plan Único para a mellora de infraestruturas, fomento do emprego e actividades culturais. En concreto, a institución provincial destina máis de 200.000€ ao acondicionamento e mellora de accesos a diferentes núcleos. Estes fondos do Plan Único tamén se dedican ao funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar con preto de 4.500€, á creación de emprego con 20.000€ ou á administración electrónica e protección de datos, con 5.300€.