Skip to main content
Sarria

José Miñones certifica a achega de 8 millóns de euros para que Sarria teña mellores servizos

O delagado do Goberno en Galicia explicou que a achega económica será realizada a través de catro ministerios.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, exemplificou hoxe en Sarria o compromiso do Goberno de España co municipalismo e cos pequenos concellos, e sinalou que o Goberno de Pedro Sánchez é a administración que máis inviste en Sarria e nos pequenos municipios con 8 millóns de euros a través de catro ministerios que farán de Sarria un concello mellor conectado, máis sostible e con servizos públicos modernos para a súa cidadanía.

José Miñones desprazouse este 22 de xuño ata Sarria acompañado pola subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, para repasar o estado dos investimentos estatais neste municipio e na comarca de Sarria.

Alí reuniuse co alcalde, Claudio Garrido, a quen reiterou o compromiso do goberno de Pedro Sánchez cos concellos, sobre todo “cos pequenos concellos, que están chamados a ser os auténticos protagonistas do futuro de Galicia”.

Nestes momentos, o Goberno, a través dos Ministerios de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Confederación Hidrográfica do Miño-Sil) e do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, está a contratar dúas actuacións que suman 2,7 millóns de euros. Por unha banda, a importante renovación do saneamento urbano, que acaba de adxudicarse, e que suporá a fin dos problemas históricos de saneamento da localidade ao renovar integramente a rede de colectores e pluviais.

A outra actuación en contratación é a rehabilitación da ponte medieval de Áspera no Camiño de Santiago, cun orzamento de 260.000 euros (proxecto e obra). Esta actuación forma parte do conxunto de dez intervencións no Camiño de Santiago que está a executar o Ministerio de Transportes, en concellos da Coruña e Lugo por onde pasa o Camiño Francés, cun investimento de case 5 millóns de euros.

Mellora das comunicacións

O delegado do Goberno puxo a Sarria e a súa comarca no centro da renovación integral da liña ferroviaria entre Lugo-Monforte e Ourense, pois nesta comarca se está a executar a obra máis complexa tecnicamente das 71 que proxecta ADIF nesta vía. Trátase do novo túnel de Oural que contempla un investimento único de 51 millóns de euros.

A este proxecto sumarase proximamente a renovación de andéns, pasos inferiores e outras estruturas das estacións de Rubián, Oural, Sarria e Laxosa. Son 3,6 millóns de euros, xa contratados, dos que a maior actuación se levará a cabo na estación de Sarria, onde o ADIF construirá unha pasarela peonil sobre vías que permitirá non só conectar as vías senón tamén o núcleo urbano de Sarria e o barrio do Mazadoiro.

Eficiencia enerxética, emprego e conectividade

O delegado sinalou “a mellora dos servizos públicos e de comunicacións dixitais” como “unha das prioridades do Goberno nos pequenos concellos”. Así, no caso de Sarria, o Ministerio de Traballo incluíu a oficina de emprego local no plan estatal de mellora de oficinas que financia o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do goberno. En Sarria, o goberno impulsará con 306.800 euros a renovación destas instalacións, que prestan servizo non só á cidadanía de Sarria senón ao conxunto da comarca.

No que respecta ás comunicacións por internet, o delegado incidiu que Sarria é un dos 278 concellos de Galicia que se benefician do Plan UNICO-Banda Ancha, que ten por obxectivo achegar a conectividade de alta velocidade a zonas que carecen deste servizo. No caso de Sarria, o Ministerio de Asuntos Económicos, responsable do programa, acordou a extensión da fibra a 419 vivendas e empresas do municipio que non dispoñían deste acceso.

Por último, José Miñones lembrou que o Goberno, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica, concedeu unha subvención de 3,2 millóns de euros ao Concello de Sarria para a renovación integral do alumeado público do Concello, que xa afrontou.