Skip to main content
Axenda CaducadaOuteiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Regresa o 9 á carballeira de Santa Isabel o Convivio da Cultura Galega

Por 30 Xuño, 2022Xullo 9th, 2022Sin comentarios

A banda e Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, estará acompañada por Uxía nun concerto único preparado para a ocasión.

A Casa-Museo Manuel María, en colaboración coa Federación Galiza Cultura, vén de presentar a IX edición do Convivio da Cultura Galega que se celebrará na carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei o próximo 9 de xullo, retomando esta xornada lúdica e festiva que se veu alterada nestes dous últimos anos, tanto na data como no seu deseño, pola covid-19.

A Casa-Museo Manuel María e a Federación Galiza Cultura convidan todas as galegas e galegos e entidades culturais a participaren nesta romaría-foliada ao redor da figura de Manuel María, para celebrar a cultura de Galiza e o traballo de base que levan a cabo as distintas asociacións culturais.

O encontro dará comezo ás 11.30 coa acollida diante da Casa-Museo Manuel María de todas as persoas asistentes, para saíren cara ao cemiterio parroquial de Outeiro, onde se fará unha ofrenda ao poeta chairego. De alí baixarase cara a paraxe natural de Santa Isabel onde se desenvolverá o resto do día que comezará cun concerto único, ás 12.30 horas, preparado para a ocasión, da Banda de Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol e Uxía, a grande cantora galega.

Pola tarde, e tras o xantar, levarase a cabo, desde as 16.45 horas, unha foliada animada por Xurxo Souto e na que participarán grupos de música tradicional como Parabéns, Tradivivas Agra, Birloque Gaiteiros, Airinhos do Fiouco e Foliadier@s do Castro, alén do propio Xurxo, que xunto con Richi Casás, interpretará algunhas das súas pezas.

Durante a mañá do propio sábado, na Casa-Museo Manuel María, as xuntas directivas das entidades culturais que conforman a Federación Galiza Cultura, entidade que promove o Convivio xunto á Casa-Museo Manuel María, manterán un encontro para articular a súa actuación en común nos próximos meses.