Skip to main content
Comarca TERRACHÁXA

Entrevista: “Nos últimos tempos estase a producir maior concienciación”

Por 26 Xuño, 2022Xuño 28th, 2022Sin comentarios

Xabier Moure, voceiro do colectivo Patrimonio dos Ancares.

O colectivo Patrimio dos Ancares, aínda que centraliza a súa actividade principal na Montaña, está a traballar nos últimos tempos por toda a provincia, tamén na zona da Terra Chá, onde teñen catalogados varios xacementos arqueolóxicos, especialmente en Friol. Así mesmo ten denunciados danos en distintos restos, como nos de Cospeito. Falamos con Xabier Moure, que nos conta como xurde e traballa este colectivo.

Cando se creou o colectivo e con que obxectivo?

O colectivo fundámolo no ano 2011 co obxectivo de preservar e divulgar o patrimonio, tanto material como inmaterial, da comarca dos Ancares. Cando falamos da comarca, referímonos a cada un dos seus recunchos, non só a eses catro ou cinco sitios que sempre aparecen nas informacións, léase medios de comunicación, na rede, folletos…

Canta xente forma parte del?

Somos un grupo pequeno, cando a constitución acordamos que as persoas integrantes tiñan que involucrarse dunha forma activa. Nos seis concellos da comarca contamos con 23 persoas, e unha vintena de fóra.

Malia o nome Patrimonio dos Ancares, teñen un espazo de traballo máis amplo. A que é debido?

Galicia é unha mina canto a patrimonio pero, por distintas causas, hai concellos que foron menos estudados. O que facemos é tirar de mapa e mirar aquelas zonas onde os achados documentados son escasos ou inexistentes, e alá imos. Nos últimos anos, avisados por persoas amantes da historia, incrementamos as visitas a distintos lugares, tanto para comprobar a existencia de novos xacementos como para asistir a atentados patrimoniais que, por desgraza, continúan a ser frecuentes.

“A principios do ano 2015 demos a coñecer unha variante do Camiño de Santiago que bautizamos como Vía de Künig, na honra dun monxe alsaciano que escribiu unha guía a Compostela no ano 1495”

Cales son os principais descubrimentos que se fixeron?

Máis que descubrir, nós preferimos a palabra documentar. Produciunos moita ilusión cando documentamos os primeiros petróglifos da comarca no mes de agosto de 2013, ata ese momento críase que era unha zona erma. Dende aquelas levamos 27 grupos, entre outros os sitiuados a maior altitude de Galicia (1.800 metros). A estes temos que sumarlle medio cento de mámoas, unha ducia de castros, tres xacementos de época romana, un par de asentamentos medievais, restos de tres capelas das que existía tradición pero ignorábase a ubicaban, etc. Ata o presente tamén levamos recollidos máis de 1.200 nomes de penas (moitas con lenda asociada); aínda que un número importante desapareceron, temos localizadas unhas 500. Canto ao patrimonio inmaterial, levamos recollidas máis de 1.500 lendas e tradicións. Fóra da comarca dos Ancares, na provincia de Lugo, principalmente, e nas da Coruña e Ourense levamos documentados máis de 150 xacementos. Tamén algún no Bierzo.

Que cambios aportaron á historia da provincia?

No tocante á comarca dos Ancares, ata non hai moitos anos as referencias ao patrimonio eran escasas, limitándose case exclusivamente ao etnográfico, principalmente as pallozas, e o Camiño Francés de Santiago. Na actualidade, grazas ao traballo de divulgación que realizamos a través dos medios de comunicación, internet, libros, andainas, visitas, xornadas, etc. o abano ampliouse considerablemente. Como exemplo podemos poñer as moitas asociacións de fóra da comarca que se poñen en contacto con nós para visitala.

A principios do ano 2015 demos a coñecer unha variante do Camiño de Santiago que bautizamos como Vía de Künig, na honra dun monxe alsaciano que escribiu unha guía a Compostela no ano 1495 que, para evitar as nevaradas invernais, desviouse do camiño tradicional. Xunto coa asociación Val de Torés, das Nogais, realizamos charlas e andainas e presentamos a proposta ante a Xunta de Galicia para o seu recoñecemento. Ademais de comunicarllo aos Concellos por onde discorría, que descoñecían totalmente a existencia desta guía, por medio do daquelas deputado provincial Manuel Martínez, alcalde de Becerreá, presentamos a proposta na Deputación de Lugo para recibir o seu apoio, que se produciu. Pero catro anos despois, cando o alcalde das Nogais viu que non lle pasabamos o camiño pola capital municipal moveu ceo e terra para levala por onde el quería a pesares de que nun primeiro momento, tanto o Xacobeo como a Confederación de alcaldes do Camiño Francés enviaron senllos comunicados á prensa criticando duramente ese proxecto composto tamén polos Concellos de Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo. Despois, cousas da política, mudaron o tono, ata o punto que a Xunta de Galicia comezou a inxectarlle cartos para sinalizar “o seu camiño”, algo inaudito cando nin sequera está aprobado. É como se lle comunicas a Patrimonio a existencia dun castro e danche cartos para escavalo antes de que os seus arqueológos o comproben. Asunto, curiosamente, que ningún dos concellos cuestionou. Pero xa se sabe, neste país colectivos coma o noso pouco podemos facer contra certas manobras. É máis, sabendo como saben que se nós non deramos a coñecer esta variante hoxe non terían nada, cóidanse ben de non nomearnos, non vaia ser que se lle caian as medallas.

E tamén en Cervantes…

Si. Tamén nos produciu moita satisfacción a declaración como BIC do Castro de Santa María, en Cervantes, proposta que realizamos xunto coa Anpa do CPI, contando tamén coa desinteresada colaboración da veciñanza da parroquia do Castro. Téñase en conta que dos preto de 1.300 castros existentes na provincia de Lugo, naquel momento só gozaban da máxima protección legal o de Fazouro e o de Viladonga. Cómpre aclarar que antes de facer a solicitude puxémonos ao dispór do Concello de Cervantes para que a presentara pero, por motivos que se nos escapan, rexeitou. Iso si, cando se produciu a declaración o seu alcalde non tivo atrancos para aparecer nos medios e apropiarse o éxito sen citarnos para nada, tanto é así que tempo despois, cando a declaración como BIC foi publicada no Boletín Oficial do Estado, avisou aos medios para fachendear da “súa xestión” cando a publicación no BOE é un trámite administrativo obrigatorio que a Comunidade Autónoma lle ten que comunicar á Administración do Estado.  No 2019 solicitamos á Dirección General de Bellas Artes, do Ministerio de Cultura, a declaración como BIC da Ponte de Cruzul, en Becerreá. Solicitámolo a este organismo porque, por discorrer por ela a antiga N-VI, pertence ao Estado, e aínda estamos esperando contestación.

Unha vez que se atopa algún vestixio, como hai que actuar?

O primeiro que facemos é documentalo o mellor posible, logo comunicámolo xunto cun breve informe a Patrimonio da Xunta de Galicia, que é a competente na materia, para que os seus técnicos comproben a súa existencia e procedan a catalogalo. A xente que sospeite que está diante dun xacemento aconsellámoslle que non o dubide e o comunique a Patrimonio ou ao Seprona.

Estase a protexer o patrimonio?

En absoluto. Segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do 2016, os concellos teñen a obriga de velar por el e, no caso de agresión, comunicalo á Administración competente, neste caso á Xunta. Agás contadísimas excepcións a tónica xeral e mirar para outro lado. Por iso de non “molestar” ao veciño, non vaia ser…

Hai moita destrución logo?

Sen dúbida. Colectivos, asociacións e persoas a xeito individual que en Galicia nos movemos nisto alertamos á Administración correspondente ou ao Seprona con máis frecuencia da desexada, nomeadamente por agresións ao patrimonio arqueolóxico. Malia isto, nos últimos tempos, ao menos na parte que nos toca, estamos a comprobar que se está a producir unha maior concienciación, de feito moitos propietarios de terreos avísannos antes de realizar calquera actuación cando cren que están diante dun xacemento, ou pregúntannos como teñen que actuar cando saben que hai un.  Tamén se está a producir un fenómeno curioso. Moitas persoas que botaban chispas cando atopabamos un xacemento no seu terreo, agora, debido ao inzamento de éolicos proxectados na comarca, esas mesmas persoas pregúntannos se nas súas propiedades hai mámoas, petróglifos, castros ou calquera outro ben patrimonial para incluílos nas alegacións e evitar así  os tendidos.

Que debería cambiarse?

En xeral, o problema non é a xente de a pé, as responsables son as políticas que se levan a cabo. Só que as Administracións fixeran cumprir a Lei do Patrimonio Cultural, con todas as súas eivas, as agresións reduciríanse considerablemente. Pero claro, hai leis e leis, unhas para cumprir si ou si, e outras, como a do Patrimonio, para ignorar; será porque non dá votos. Pero sen dúbida, o problema maior é o da concienciación, e isto tamén está en mans dos que mandan, en trasladar que un monumento por moi modesto que sexa é parte da nosa Historia. Mire, por poñer un exemplo. Cando se produce unha pintada nun muro da catedral de Santiago non hai político que non condene a agresión, como debe ser. Pero, cantos aparecen cando unha máquina fai desaparecer unha mámoa? Quen lea isto dirá que non se pode comparar a catedral cun simple enterramento. Pois si, a catedral será máis grandiosa, máis chamativa arquitectonicamente, pero non menos importante que esa sinxela tumba.

Cales son as propostas do colectivo?

Nuns tempos en que todo se mide en termos económicos, apostar polas Humanidades é fundamental, non só válida para a Historia, a Filosofía, a Antropoloxía…, tamén aplicada a outras disciplinas como a Arquitectura, a Medicina, a Física… É unha forma de manter viva a tradición humanística europea. As Humanidades son fundamentais para formar unha cidadanía crítica, democrática e reflexiva para defenderse da “postverdade”, esa deformación premeditada da realidade tan presente na política pero que está a callar en moitos sectores da sociedade. Cómpre que os partidos democráticos, co asesoramento de especialistas nas distintas áreas, o tomen en serio e se poñan de acordo canto antes. Como estamos a ver noutras partes de Europa e do mundo, mañá pode ser tarde. 

Que plans de futuro teñen?

Para este ano xa temos feita a programación de actividades. En colaboración coa Anpa do CPI de Cervantes e a Deputación Provincial de Lugo celebraremos as III Xornadas de Arqueoloxía e Historia que dedicaremos ao románico da comarca. Tamén, xunto coa Anpa de Cervantes e o Concello berciano de Valboa, realizaremos a terceira edición da Ruta dos Castelos entre as fortalezas de Doiras, Valboa e Veiga de Valcarce. Tamén celebraremos os aniversarios da consecución do BIC para o castro de Santa María, no que realizaremos un bateo nun río para mostrar como se obtiña o ouro. Unha xornada dedicarémola a celebrar cunha andaina ata a Campa do Barreiro onde localizamos os primeiros petróglifos da comarca. Temos prevista unha serie de andainas pola Vía Romana XIX que en Galicia entraba polo concello de Cervantes e continuaba polos de Becerreá, Baralla, Castroverde, O Corgo e Lugo. Realizaremos outro roteiro entre A Braña (Veiga de Valcarce) e Riamonte onde aínda se conservan en moi bo estado varias explotacións mineiras de época romana. Posiblemente, este ano nos dea tempo de publicar os tres libros nos que estamos a traballar: Historia do concello de Becerreá; Mámoas, petróglifos e castros da comarca dos Ancares; e outro sobre toponimia. Temos moi avanzado o estudo duns documentos inéditos sobre a represión fascista na comarca durante e despois de Guerra Civil, entre outros a relación de máis de setenta falanxistas que realizaban “labores continuas de limpieza”. Todo isto sen deixar de lado co que máis desfrutamos: saír ao monte en busca de vestixios do pasado. Como excepción ao dito anteriormente, temos a Deputación Provincial de Lugo quen, por medio da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, está a involucarse na posta en valor dos bens patrimoniais que lle solicitamos, sexa na sinalización e limpeza de xacementos, en publicacións, na organización de xornadas, etc. Sen a súa axuda resultaría complicado levar a cabo moitas iniciativas.