Skip to main content
As PontesDeportes TERRACHÁXA

As Pontes acollerá unha nova edición da Northwest Triman o 26

Por 16 Xuño, 2022Xuño 26th, 2022Sin comentarios

A concelleira de Turismo das Pontes acompañada polo tenente alcalde, Antonio Alonso, e o concelleiro de Deportes, Chico Tembrás, presentou a oitava edición do Northwest Triman, o único tríatlon de longa distancia de Galicia e que, ao igual que nas edicións anteriores, contará cunha proba de media distancia.

Durante a presentación, na que tamén participaron membros da organización e patrocinadores, Elena López, amosou a satisfacción que para o Concello das Pontes supón contar con esta proba, agradecendo á organización do evento o esforzo e traballo levado a cabo non só este último ano, senón desde o ano 2014, para lograr que esta proba sexan “non só unha cita ineludible para centos de deportistas e persoas amantes do tríatlon senón tamén un evento tractor, ofrecendo unha oportunidade máis de desenvolvemento económico para o concello das Pontes, posicionando ao municipio e á comarca no mapa do turismo deportivo.”

Pola súa banda, Pablo López, organizador da proba agradeceu ao Concello a oportunidade de organizar o único tríatlon de longa distancia de Galicia que se disputará o vindeiro domingo, 26 de xuño, a partir das 08:45 horas e no que participarán 700 deportistas procedentes da Península Ibérica, dos cales 24 serán das Pontes, facendo fincapé en que se trata dunha proba “organizada por deportistas aos que nos move este deporte, elemento chave para que sete anos despois da primeira edición, cunha pandemia polo medio, chegásemos ao 2022 con todas as prazas cubertas, alcanzando o noso obxectivo e permitíndonos amosar a centos de persoas os espazos naturais das Pontes”.

Pablo López adiantou que “nesta edición retómase á saía en masa e o circuíto urbano para a carreira a pé, regresando á normalidade da proba, tras a competición do ano 2021 marcada polos protocolos sanitarios e de seguridade por mor da Covid, e que permitirá á veciñanza e visitantes gozar desta proba única en Galicia”.

Nesta presentación tamén estiveron presentes Juan Barreira, director de Zona de Abanca; Alejandro Pérez, director postventa de Audi Arrojo, e Helena Barreiro en nome de Gadisa; patrocinadores desta proba deportiva, que destacaron o traballo da organización dunha proba que xa é referente en España, agradecendo o seu compromiso co deporte de primeiro nivel e tamén coa saúde.

Tamén asistiu a esta presentación Amando Guerrero, representante da Federación Galega de Tríatlon, que amosou a súa satisfacción polo éxito da proba e o seu significado na consolidación no mundo do tríatlon, agradecendo o Concello de As Pontes a súa implicación coa mesma.

Finalmente, Antonio Alonso, tenente alcalde do Concello das Pontes reiterou o agradecemento aos patrocinadores da proba e aos organizadores “polo seu esforzo, paciencia, facendo fronte a todo tipo de dificultades para continuar apostado por esta proba que nos puxo no mapa do deporte nacional e internacional. Agradecer tamén a todas as persoas que dalgún xeito colaboran nesta proba, desexar moita sorte a todos os deportistas que participarán na proba e convidar á veciñanza ó público asistente a vivir e compartir a emoción polo esforzo dos atletas”.

Northwest Triman Longa Distancia

A proba, que dará comezo ás 09:00 horas, arrincará nas augas do Lago das Pontes, cun sector de natación de 3,8 km de distancia, nun circuíto de 1,9 km, con saída e chegada na praia, ó que os deportistas terán que dar dúas voltas. A saída para os atletas que compitan en media distancia comezará 15 minutos antes e só terán que dar unha volta no sector de natación.

Continuará co sector de ciclismo. Un circuíto de algo máis de 44 quilómetros no que terán que completar catro voltas (dúas no caso da media distancia) para facer un total de 180 quilómetros que levará ós atletas polos concellos de As Pontes, Xermade e Vilaba.

Por último, o sector de carreira, cos 42 quilómetros da maratón que transcorrerán polas rúas da vila, nun percorrido que dará catro voltas ó mesmo circuíto (dúas no caso da media distancia).