Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Presentan o libro recopilatorio da obra de Francisco de Fientosa

Por 21 Xuño, 2022Xuño 29th, 2022Sin comentarios

O 22 de maio de 1912 naceu en Cordón, da Ponte Outeiro (Castro de Rei) Francisco Vega Ceide, Francisco de Fientosa, considerado polos devotos da súa obra como O Lorca galego. Morreu de xeito alevoso no Madrid de 1936, con vinte e catro anos de idade, cando xa era autor dunha obra narrativa e poética, especialmente en castelán, que o elevou a categoría dos grandes da escrita.

O profesor e escritor Ricardo Polín en A primeira luzada recompila a obra de Francisco de Fientosa, pechando a recolleita da súa poesía cos Versos galegos, que chamaron a atención do tamén profesor e escritor, nado como Fientosa na Ponte Outeiro, Xosé Otero Canto, que foi facendo análise literario e lingüístico de cada un destes poemas.

Diante deste estudo, o Colectivo Egeria decidiu publicar o libro Imos coller niños novos… con motivo dos 110 anos do nacemento de Francisco de Fientosa, que se cumpriron o 22 de maio pasado, e preto dos 86 anos do pasamento do escritor.

Na publicación, ademais do estudo do profesor Otero Canto, inclúese o limiar Versos e ausencia: Cartografía literaria do Lorca Galego, de Ricardo Polín, máximo entendido sobre a vida e obra do escritor; un traballo de Otero Canto sobre Francisco de Fientosa e Crecente Vega, unidos pola Ponte de Outeiro, e a versión en castelán, catalán, vasco e portugués, que proporcionan unha dimensión inédita para a poesía en galego do escritor da Ponte de Outeiro.

A versión en castelán dos poemas estivo a cargo do propio Otero Canto, Catedrático de Lingua e Literatura españolas; as versións aos idiomas catalán e portugués son da escritora, historiadora e investigadora da cultura celta Ana Mar Fraga Rábade, e a versión en vasco de Aitor Fernández de Martikorena, profesor de éuscaro, tradutor, asesor didáctico e formador.

Cada poema do libro vai acompañado dun debuxo da mestra vilalbesa María Guerrero Rico, debuxante e ilustradora, que responde artisticamente á forza poética deste grande escritor, ao que se homenaxea nos 110 anos do seu nacemento.

O título de Imos coller niños novos… procede do primeiro verso do primeiro poema galego recollido por Ricardo Polín:

Imos coller niños novos
agora que é primadeira.
Na beira do amor somentes
o choupal do corpo dela.

O libro está publicado coa axuda da Xunta de Galicia e do Concello de Castro de Rei, figurando ao comezo cadansúa salutación de Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, e do alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro. Vai ser presentado o próximo 29 de xuño, mércores, en Castro de Rei e Lugo. En Castro de Rei, ás 17:00 horas, na Biblioteca municipal Crecente Vega, e na capital lucense ás 19:30 horas, no salón de actos da Biblioteca Nodal (Avenida de Ramón Ferreiro).

Nos dous actos intervirán, ademais dos responsables da obra, o secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez, e o alcalde de Castro de Rei Francisco Javier Balado. A entrada será libre, ata completar aforo, e os asistentes serán agasallados coa publicación.