Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Friol presenta un campo de voluntariado sobre o pasado castrexo da vila

Por 16 Xuño, 2022Sin comentarios

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta mañá na presentación do campo de voluntariado Friulio, que se desenvolverá entre o 28 de agosto e o 9 de setembro na localidade lucense de Friol. O programa, destinado a quince mozos de entre 18 e 30 anos, forma parte da campaña de verán O verán que queres contar posta en marcha pola Xunta.

Este campo de voluntariado, de carácter etnográfico, xira arredor do festival que lle dá nome, Friulio, celebrado desde 2017. A celebración recrea a chegada dun destacamento romano a un poboado castrexo e dá a coñecer o proceso de romanización que tivo lugar no século II d.C.

Os participantes neste campo de voluntariado poñerán en valor os restos arqueolóxicos que forman parte do festival, realizarán tarefas de limpeza, de sinalización e de plantación de árbores, e formarán parte de obradoiros de cestería, pan, queixo e construción de pallozas. Ademais, tamén terán sesións de música e baile e visitas culturais a lugares destacados en Lugo capital, Sobrado dos Monxes ou o mesmo Friol. Os participantes resumirán as actividades do festival nunha pequena peza audiovisual para as redes sociais.

Durante a presentación, a directora xeral destacou a aposta do Goberno galego polo voluntariado como forma de achegar ás mozas e mozos valores, as tradicións e a importancia histórica e cultural de distintos lugares de Galicia, como no caso de Friol.

Máis prazas de verán ca nunca

Ademais, Cristina Pichel destacou que a deste 2022 é a maior campaña de verán para da historia, con máis de 10.800 prazas, tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia. Só en campos de voluntariado hai 675 prazas repartidas en 45 actividades, nove das cales son de nova creación.