Skip to main content
Guitiriz

Guitiriz volve ser sede dun curso de verán da USC sobre paisaxe

Por 19 Xuño, 2022Xuño 20th, 2022Sin comentarios

A Casa Habaneira de Guitiriz acollerá os días 28, 29 e 30 deste mes a décimo cuarta edición do curso de verán sobre Paisaxe que organizan a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Concello e que este ano abordará a relación da paisaxe coa biodiversidade.

Na primeira xornada, tras a inauguración ás 10.00 horas, o catedrático emérito Francisco Díaz-Fierros ofrecerá a primeira conferencia, Bosques e xardíns. Dúas olladas sobre a biodiversidade. A continuación, outro catedrático emérito, Pablo Díaz Baños, falará sobre o cambio climático e as influencias fenológicas e nos axentes patógenos.

Pola tarde celebrarase a charla Os bioindicadores. Vixiantes do medio ambiente, de María Julia Melgar, e proxectarase a peza audiovisual Macro-miudezas.

O día 29, a excatedrática de Bioloxía e Xeoloxía Adela Figueroa Panisse falará sobre os espazos naturais en Galicia; a profesora de Botánica Inmaculada Romero Buján, sobre a diversidade e funcións nas paisaxes vexetais, e o ornitólogo Antonio Saldoval Rey sobre as aves na paisaxe.

Na sesión vespertina, Josefa Fernández López, do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, disertará sobre a conservación dos recursos xenéticos forestais. A xornada pecharase coa proxección de Sorbos de vida.

Para finalizar o seminario, o día 30 pola mañá haberá unha charla sobre ecoturismo, a cargo de Francisco Javier López; outra sobre as confluencias entre arte e ecoloxía, de Yolanda Pérez Sánchez, e outra sobre as árbores na historia da arte da paisaxe, de Roxelio Pérez. A continuación, será a clausura oficial, aínda que pola tarde os participantes realizarán, como é xa tradición, un roteiro polo concello de Guitiriz.

Consulta o programa no seguinte enlace