Skip to main content
Guitiriz

Manuel López Rodríguez gaña a sexta edición do certame Díaz Castro

Por 23 Xuño, 2022Xuño 24th, 2022Sin comentarios

A sexta edición do certame de poesía Díaz Castro do Concello de Guitiriz xa ten gañador: Manuel López Rodríguez, natural de Noia, coa súa obra Breve peza dramática para figurantes Z.

O xurado, formado por Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Miguel Anxo Fernán Vello, reuniuse hoxe pola tarde, vía telemática, para valorar as 18 obras que se presentaron a esta edición do certame de poesía.

Finalmente foi Manuel López Rodríguez o gañador. O xurado destaca da súa obra Breve peza dramática para figurantes Z “a calidade das súas imaxes, a forza da súa voz poética, a complexidade do mundo recreado e, sobre todo, a súa orquestración paradramática, na que alterna a voz principal con outras corais, compoñendo un irisado vitral que espella unha realidade en continua metamorfose, chea de luces e sombras e onde o eu lírico se afana en atopar o vieiro propio polo que camiñar”.

O premio, dotado de 2.000 euros e a publicación da obra por Edicións Espiral Maior, entregarase, ao igual que o ano pasado, o próximo domingo 3 de xullo ás 11 horas no acto de clausura do II Festival de Poesía Guitirica.

Manuel López Rodríguez xa conta cunha ampla traxectoria no mundo da poesía. É cofundador do Colectivo literario sacou, da AC Éteatro e da Asociación Audiovisual Paradiso. Ademais, previamente gañou outros certames como o Premio Suso Vaamonde de Poesía, o Eduardo Pondal, o do Concello de Carral e o López Ardeiro, entre outros. Ten publicado libros individuais como Antítese nativa, Rompe, Desde onde non nace, Vangarda ule e Nas pulsacións. Asimesmo, outros poemas e poemarios seus foron publicados en revistas e volumes colectivos.