Skip to main content
A Pobra do BrollónChantadaFozMeiraSarriaVilalba

O último filme de Goteira proxectarase en cinco concellos

Por 17 Xuño, 2022Sin comentarios

O documental Welcome to ma maison, da produtora meirega Gaitafilmes, proxectarase durante este mes de xuño en Sarria, Vilalba, A Pobra do Brollón, Foz e Chantada, dentro do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación.

Trátase do cuarto filme proxectado neste circuíto, que contempla a exhibición dos oito finalistas dos Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe documental e mellor longametraxe de ficción, cunha proxección cada mes durante todo o ano.

O director Andrés Goteira e a produtora Laura Doval achegáronse onte ao Pazo de San Marcos para presentar as proxeccións, que comezan este sábado na Unión, en Sarria, coa colaboración do cineclube Leslie Nielsen, e que valoraron como unha iniciativa moi interesante “para colaborar na difusión de producións en galego, especialmente documentais, que teñen difícil cabida nos circuítos comerciais”.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, explicou que “coa proxección dos filmes nas diferentes comarcas apoiamos a difusión do cine galego entre a veciñanza, tratando de fidelizar público e xenerar unha demanda de audiovisual en galego que teña eco tamén nos circuítos comerciais” .

Ademais das cinco localidades da provincia, a través do Ciclo Mestre Mateo, o documental chegará a outros quince vilas de todo o país e a oito centros galegos do exterior.

Welcome to ma maison

Dirixido por Andrés Goteira, despois do éxito colleitado pola súa ópera prima Dhogs, o documental é unha viaxe real e ficcionada do actor Igor Fernández, quen, despois dunha crise, decide abandoar a interpretación para dedicarse á investigación cinematográfica. O seu proxecto de estudo da linguaxe das mans na filmografía de Nicolas Winding Refn, lévao a intentar coñecer en persoa ao cineasta danés, para poder escribir o capítulo final da súa investigación.

A película, producida por Gaitafilmes en colaboración con Mordisco Films, parte dun guión co-escrito por Igor Fernández e Andrés Goteira, quen tamén foi responsable da montaxe. A dirección de fotografía correu a cargo de Lucía C. Pan. Estreada na 59ª edición do Festival Internacional de Cine de Xixión, Welcome to ma maison tamén pasou por festivais como Play Doc e foi finalista na categoría de Mellor Documental nos XX Mestre Mateo.

Proxeccións

  • Sarria – Sábado, 18 de xuño. Sociedade Recreativa La Unión. 19.00 horas. Colabora Cineclube Leslie Nielsen e Sociedade Recreativa La Unión.
  • Vilalba – Sábado, 25 de xuño. Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Instituto de Estudos Chairegos e Concello de Vilalba
  • A Pobra do Brollón – Sábado, 25 de xuño. Casa da Cultura Olga Novo. 20:00 horas. Colabora Concello da Pobra do Brollón.
  • Foz – Sábado, 25 de xuño. Casa da Cultura. (Hora por fixar). Colabora Concello de Foz.
  • Chantada – Sábado, 25 de xuño. Auditorio Municipal. 20.00 horas. Colaboran Airoá Comunicación e Concello de Chantada.