Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Concerto e obradoiro de regueifa este sábado na casa de Manuel María

Por 1 Xuño, 2022Xuño 4th, 2022Sin comentarios

Este sábado, día 4 de xuño, ás 20 horas, a formación orixinaria da comarca da Ulloa, Zoelas, subirá ao escenario do auditorio da Casa-Museo Manuel María para interpretar ao público asistente pezas do seu traballo Evelaités, así como algunha recente composición do que será o seu próximo traballo discográfico.

Zoelas é un proxecto musical en que se mestura as raíces do canto tradicional con melodías de variados estilos musicais como o reggae, blues ou bossa nova, e letras propias que conviven con coplas recollidas. Canto coral feminino con Bea García, Érica García, María Bouzas, Pilar Naveira e Patricia Coucheiro acompañadas de Michel Rivadulla (guitarra), Miguel Varela (percusión) e Bruno Villamor (requinta, zanfona e gaita).

Para asistir ao concerto é necesario reservar previamente o billete (5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Obradoiro de regueifa con Alba María

A mesma tarde do sábado, antes do concerto de Zoelas, concretamente ás 18 horas, e tamén na Casa-Museo Manuel María, a regueifeira, cantora e poeta Alba María desenvolverá un obradoiro de iniciación á regueifa. A actividade de dúas horas de duración, é gratuíta e está dirixida para todos os públicos, adultos e crianzas a partir dos dez anos. Para asistir é necesario anotarse previamente a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.