Skip to main content
A Pastoriza

O Festival da Chaira quenta motores para o día 25 de xuño

Por 15 Xuño, 2022Xuño 28th, 2022Sin comentarios

Tras dous anos de seca, volve o Festival da Chaira á Pastoriza e faino na que é a edición número XVI, organizado pola Asociación A Chaínza. A data escollida é o 25 de xullo e o lugar, coma sempre, en Baltar, na contorna da área recreativa da praia fluvial da Riboira.

Previamente, o venres, terá lugar unha cea seguida dunha foliada pero a festa comezará oficialmente o sábado coa sesión vermú ás 13.30 horas na que estarán presentes Airiños da Freba e a Escola de Música da Pastoriza para dar paso ao tempo de xantar, que se prolongará ata ás 17.00.

O Grupo de música e baile tradicional da Pastoriza, como bo anfitrión, animará o festival con música da terra. Pasodobres, xotas, muiñeiras, etc.

Xa pola tarde e para o goce de todos, ás 17:00 horas será o XIII Aberto da Billarda Xabaril da Chaira 2022, un clásico deportivo desta cita cultural.

Ás 18.00 horas será o tempo dos nenos coa actuación de Peter Punk, un dos pallasos máis destacados en Galicia, que volverá á Chaira convertido en doutor co seu espectáculo viral Punkdemia.

A este seguirá unha hora máis tarde, un obradoiro de baile. Este estará ao cargo de Rebeca Tallón, que mostrará as artes do baile tradicional.

Despois de deixar tempo para repoñer forzas coa cea, chegará o momento das actuacións, que estarán a cargo de Airiños da Freba para abrir a mostra ás 23.00 horas. Soin estes xente comprometida coa música e cultura tradicional, que lembra co seu  cantar e bailar as verbenas lucenses dos anos 30, 40 e 50 do século pasado.

Continuarán con Ruxe Ruxe, unha das referencias do rock galego, que ruxirá na Riboira co seu rock do país ateigado de actitude punk e folk.

Ás 2.00 horas está prevista a actuación de Técor Societario, que fará bailar aos asistentes a ritmo de Celtic Punk. Volve aos escenarios a música en directo facendo da tradición galega unha ferramenta para o futuro.

Finalizará a sesión cun DJ, sobre as 3.30 horas.