Skip to main content
As Pontes

As Pontes adhírese á Red Business Market para impulsar o ecosistema empresarial

Por 3 Xuño, 2022Sin comentarios

A concelleira de Industria e Emprego, Ana Pena, anunciou a adhesión do municipio das Pontes á Red Business Market co obxectivo de impulsar o ecosistema empresarial, emprendedor e innovado do municipio a través da conexión cunha rede de investidores, empresas e organizacións empresariais de ámbito nacional e internacional cunha capacidade de investimento superior aos 100 millóns de euros.

Ana Pena, durante a rolda de prensa na que se informou sobre esta adhesión e que contou coa presenza do Director Xeral de Red Business Market, Ciro Lacomino, incidiu na importancia de formar parte desta rede que “permite ofrecer unha oportunidade, a todas as iniciativas empresariais locais de contar con un respaldo económico, coñecer ás empresas, organizacións e investidores que forman parte desta rede”.

Así mesmo, a concelleira expresou o seu desexo de que “este proxecto acade os obxectivo propostos e redunde no beneficio e crecemento do tecido empresarial das Pontes, abrindo novas oportunidades de colaboración coa Rede Business Market”.

Pola súa banda, Ciro Lacomino destacou que “a través desta rede o que se logra é conectar o tecido empresarial cos emprendedores, en calquera das fase de desenvolvemento da súa idea empresarial, e aos empresarios locais co mundo do investimento e a industria. A rede está conformada na actualidade por máis de 25 cidades, territorios e sedes en España e ten presencia en Europa, EEUU, Latinoamérica e África.

Así, a través de diferentes vehículos de investimento en capital risco e de modelos de financiamento o ecosistema emprendedor e empresarial das Pontes terá a posibilidade de conectar cunha rede de investimento global na que participan plataformas de investimento, clubs de investimento, redes de business angels, venture capital, investidores privados, asociacións empresariais e institucións de referencia”.

A iniciativa As Pontes Business Market desenvolverase durante o ano 2022 a través de diferentes actuacións, algunhas xa en marcha, entre as que destacan a plataforma web de titorización, formación e mentorización para proxectos empresariais e emprendedores, a implementación dun portelo dixital permanente para a conexión con investidores e empresas, a participación das Pontes en diferentes citas internacionais como o Congreso Iberoamericano de Empresas Familiares e Pemes ou o Congreso Internacional de Loxística e Industria así como o desenvolvemento na localidade, despois do verán, do Foro de Investimento, Desenvolvemento Empresarial e Emprendedor As Pontes Business Market, evento este que reunirá de maneira presencial no municipio a investidores nacionais e internacionais en diferentes campos estratéxicos.

Tanto a concelleira, Ana Pena, como o director xeral da Red Business Market animaron ao tecido empresarial local a participar nesta iniciativa e no foro de investimento para “aprender a achegarse aos investidores e acadar financiación para os seus proxectos”