Skip to main content
Vilalba

O PP urxe a impulsar as propostas sobre o polígono de Vilalba aprobadas no Pleno

Por 11 Xuño, 2022Sin comentarios

A voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, urxe ao goberno local a executar os acordos aprobados no último pleno por unanimidade sobre o polígono industrial. “Non nos chega con aprobar as reivindicacións da Asociación de Empresarios Sete Pontes e que o propio Grupo Municipal Popular leva moito tempo reclamando. Queremos que o goberno execute o acordado. Non é difícil porque non require unha gran dotación orzamentaria, senón xestión por parte do goberno local socialista. É cuestión de interese”.

Precisamente a falta de interese é o que condena a popular porque “en tres anos o goberno local non deu pasos para avanzar na ampliación de solo industrial no municipio” e “os socialistas tampouco foron capaces de explicar nin aos veciños nin aos empresarios a situación na que se atopan as parcelas do plan de sectorización de Entrepinares. Non entendemos tampouco como anuncian a súa venda ata en dúas ocasións cando aínda non é solo urbanizable”.

Tralo seu debate, o pleno acordou por unanimidade aprobar a iniciativa dos populares puntualizando que se inicie o expediente de venda das parcelas unha vez que cumpran os requisitos legais e incorporando un punto proposto por Vilalba Aberta para que unha comisión informativa da corporación estude posibles bonificacións de taxas e impostos municipais. “Unha vez aprobada a proposta co voto a favor do equipo de goberno”, a  voceira popular urxe a “comezar os traballos desbroce, limpeza de beirarrúas e rede de sumidoiros, bacheo de vías e renovación das marcas viarias e da sinalización vertical”.

A popular sinala que “o PP é un partido cordial” e, polo tanto, accederon a deixar enriba da mesa a moción sobre o FIV debido a que a concelleira responsable da área non puido asistir a esta sesión plenaria.

Vázquez subliña tamén que “o PP é un partido de goberno, un partido responsable” e, por iso, “levabamos ao pleno unha proposta positiva para alertar ao goberno local da próxima caducidade dun convenio coa Deputación que, de ser prorrogado, pode supoñer problemas debido a que unha sentenza considera nulo de pleno dereito o procedemento de compra dunha acción de Tragsa por parte da entidade provincial. Os socialistas falaron de todo -de flores, da voceira do Grupo Municipal Popular…- menos de poñer en marcha a licitación dos contratos que están caducados -coma o da recollida do lixo e limpeza viaria dende fai case dous anos- ou a piques de caducar, non deron explicacións sobre o concurso declarado deserto e sen vía de solución en relación ao centro de día nin de avances na RPT”.

Os populares determinan, tras unha nova sesión plenaria, que “o PSOE non está preparado para xestionar nin gobernar”. Así o demostra o feito de que “despois de pospoñer ata en dúas ocasións a data de celebración deste pleno ordinario, non chegaron a presentar ningunha iniciativa de peso como goberno. Limitáronse a tratar de poñerlle deberes á Xunta, cando non cumpren cos seus propios deberes”. Como exemplo, a voceira citou no pleno que “non foron capaces de xestionar un orzamento dun millón de euros para o necesario arranxo das pistas do rural”.