Skip to main content
Vilalba

O BNG de Vilalba entrega máis de 450 sinaturas que reclaman a mellora do centro de saúde e o PAC

Por 17 Xuño, 2022Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego en Vilalba entrega máis de 450 sinaturas para reclamar á Xunta de Galicia a mellora do servizo no centro de saúde e PAC da localidade. No momento da entrega participou a deputada no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, xunto coa responsábel local do BNG, Mónica García e membros da organización.

Estas sinaturas foron recollidas dentro da campaña pola recuperación dos servizos sanitarios que o BNG desenvolveu a partir do pasado mes de marzo do 2022.

No formulario asinado solicítase á Consellería de Sanidade: a dotación total das prazas de persoal facultativo coas que conta o centro de saúde e PAC de Vilalba, a restitución urxente do servizo de pediatría e, por último, a dotación de recursos materiais suficientes para garantir o pleno funcionamento do centro de saúde e PAC de Vilalba.

Hai que destacar que este servizo sanitario tamén afecta aos concellos de Xermade, Muras, Cospeito e Abadín.

Mónica García, responsábel local do BNG en Vilalba, declarou “Vilalba merece unha atención digna na súa atención primaria, contamos con menos persoal de familia dos que temos dereito e continuamos sen a persoa especialista de pediatría”.

A responsábel local do BNG destacou que “os anuncios da Xunta coa mellora do servizo do centro de saúde non son máis que propaganda mala, por isto, desde o BNG, iniciamos esta campaña para reclamar e instar a que desenvolvan unha atención primaria digna, é un dereito”.