Skip to main content
Axenda CaducadaCervoDeportes AMARIÑAXA

Cervo acollerá esta fin de semana o Campionato Galego Infantil de Natación

Por 7 Xullo, 2022Xullo 16th, 2022Sin comentarios

O Concello de Cervo acollerá esta fin de semana o Campionato Galego Infantil de Natación que se celebrará na Piscina Municipal Olímpica de Lieiro.

Na presentación da proba participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de deportes, David Rodríguez, o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, as edís de Deportes e Cultura do Concello de Xove, Cristina Iglesias e Dolores Meitín, respectivamente, e o presidente do Club Natación Xove, Alberto Pigueiras.

No campionato, que organizan o CN Xove e a Federación Galega de Natación, coa colaboración do Concello de Cervo, están inscritos 233 nadadores, pertencentes a 27 clubs galegos.

O alcalde, Alfonso Villares, recordou que é a segunda proba desta magnitude que acolle a piscina municipal en menos dun mes -logo do Galego Alevín que tivo lugar en xuño- “grazas ás privilexiadas instalacións que temos no Concello e á estreita colaboración que mantemos co CN Xove, que atraen este tipo de campionatos cun gran impacto para a nosa zona xa que se estima que se despracen a Cervo, de novo esta fin de semana,  unhas mil persoas, entre entre nadadores, público, adestradores e delegados; “polo que temos que destacar tamén o impacto económico que supón acoller este tipo de competicións en Cervo”.

O edil de Deportes, David Rodríguez, puxo en valor pola súa banda as privilexiadas instalacións das que dispoñemos no Concello “cunha piscina municipal olímpica, de 50 metros e 8 pistas, única destas características en toda a provincia de Lugo, e das poucas que hai en Galicia -nestes intres só permanece operativa a de Ourense- o que a convirte no mellor dos escenarios para acoller un evento deportivo desta categoría”.

En palabras do presidente da FEGAN “convidamos á mocidade da Mariña a que se anime a practicar natación tendo en conta, ademais, as privilexiadas instalacións das que dispoñedes nesta zona, que son das mellores de Galicia; e existindo un Club da entidade do CN Xove que se desvive por contaxiar esa paixón por este deporte”.

Villares e Rodríguez remataron convidando a todo o mundo a acudir a Cervo nunha fin de semana na que “poderán gozar, de xeito gratuíto, dun evento deportivo que contará coas mellores promesas da natación galega, ao tempo que poderán coñecer os atractivos culturais, gastronómicos e paisaxísticos de todo o Concello”.

A competición terá lugar o sábado e o domingo, en sesión de mañá e tarde; ás 10:00 e ás 17:00 horas, respectivamente.