Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

As praias mariñás prepáranse para un verán seguro

Por 2 Xullo, 2022Xullo 3rd, 2022Sin comentarios

Os concellos da comarca da Mariña comezaron a poñer en marcha os servizos de salvamento nas diferentes praias xa que co bo tempo comezan a chegar os primeiros visitantes.

O Concello de Foz puxo estreou o servizo de salvamento nas praias e izou a bandeira azul no areal da Rapadoira. Son 5 praias as que contan con este servizo de salvamento: Rapadoira, Llas, Peizás, Polas e Areoura. 10 socorristas cun coordinador máis 6 auxiliares de apoio e dous técnicos sanitarios vixiarán pola seguridade e a saúde nas praias de Foz. 

Aparte da reparación dos danos que cada ano sofren as praias nas pasarelas, paseos, duchas, etcétera e da limpeza e desbroce dos accesos, tamén se traballou na accesibilidade e estase a renovar o material dos postos de socorro: mercáronse padiolas novas, biombos, armarios, quentadores de auga, material necesario para o traballo dos socorristas como prismáticos, megafonía, chifres, walkie talkies e de salvamento e sanitario diverso, nun esforzo en mellorar uns equipamentos moi deteriorados nestes anos. Estase ademais a mellorar os postos de socorro mediante una limpeza e arranxo dos mesmos, algo que en moitos anos non se fixera.

Pola súa banda, o Concello de Cervo xa dispón de servizo de socorrismo municipal na Praia do Torno, en San Cibrao, a de maior afluencia de xente na tempada estival.

Desde este venres, e durante dous meses os socorristas velarán pola seguridade das persoas usuarias, de luns a domingo, en quendas de mañá e tarde.

Pola contra, o Concello de Barreiros anunciou que a escaseza de persoal de salvamento e socorrismo impide contar con un servizo áxil e operativo con cobertura por terra; polo que contará con lancha salvavidas activa e persoal técnico sanitario que acudirá aos avisos do 112.

Barreiros contará con un operativo composto por persoal de socorrismo e primeiros auxilios, máis o patrón da embarcación, tras abrir o proceso de selección por medio dunha bolsa de emprego a primeiros de xuño e non lograr cubrir un mínimo de persoal axeitado.

No caso do persoal de socorrismo, presentáronse seis persoas coa documentación oficial necesaria actualizada, das que finalmente só un aceptou o traballo nas praias barreirenses. Nesta situación, Barreiros mantén aberto o prazo de presentación, por se houbese persoas interesadas en incorporarse durante a tempada.