Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Arranca na Mariña o programa da Deputación en apoio ao rural

Por 4 Xullo, 2022Sin comentarios

O programa Feminino rural. Evolución, que ofrecerá de forma totalmente gratuíta formación, acompañamento e asesoramento personalizado a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios.

Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, presentou esta mañá na Casa da Cultura de Alfoz o programa Feminino rural. Evolución, que ofrecerá de forma totalmente gratuíta formación, acompañamento e asesoramento personalizado a mulleres empresarias e emprendedoras do rural da provincia para mellorar ou lanzar os seus negocios. A institución provincial financia integramente cunha achega de 40.000€ esta iniciativa, que desenvolve a Asociación de Empresarias de Lugo (AELU).

No acto, a Deputada estivo acompañada polo Alcalde de Alfoz, Jorge Val, a Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Aránzazu Incera, e a técnica de AELU encargada do proxecto, Úrsula Pérez.

“Desde a Deputación de Lugo temos claro que a creación de emprego, sobre todo xuvenil e feminino, é un factor imprescindible para que haxa actividade económica e para fixar poboación no territorio”, sinalou Loureiro. A Deputada avanzou que “así como hoxe estamos na Mariña, levaremos esta iniciativa a todas as comarcas da provincia porque queremos chegar ao maior número de mulleres posible e facilitar tamén a súa participación”.

O obxectivo deste primeiro encontro, tal e como destacou a Deputada, “é coñecer os proxectos e fomentar o intercambio de experiencias entre as participantes, que beneficien aos proxectos individuais de cada unha”. Logo haberá unha segunda fase na que se dará formación e asesoramento dunha maneira personalizada que, no caso  das empresarias, irá dirixido a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados das empresas que teñen en marcha; e, no caso das emprendedoras, recibirán apoio para constituír e para arrancar a súa propia empresa.

María Loureiro desexou que as participantes poidan sacarlle o máximo partido a este programa, “porque iso beneficiará ás empresarias e emprendedoras e, ao mesmo, tempo, será positivo para o emprego e para a economía do conxunto da provincia de Lugo”.

Unha serie de 7 encontros na provincia

Ademais deste encontro que tivo lugar hoxe na Mariña, durante o mes de xullo terán lugar outras seis citas comarcais para presentar este programa nos concellos da Fonsagrada, Vilalba, O Saviñao, Láncara, Antas de Ulla e Lugo.

En cada comarca habilitaranse 25 prazas co obxectivo de crear sinerxías entre os establecementos de cada zona, fomentando o intercambio de coñecementos e de experiencias entre empresarias e emprendedoras. Despois, haberá unha segunda fase onde participe unha selección de 5 empresarias e emprendedoras por comarca que sairán das reunións de traballo. Polo tanto, un total de 35 persoas recibirán unha formación e un asesoramento personalizados, que irán dirixidos a mellorar o funcionamento, gañar competitividade e abrir novos mercados no caso das empresarias que teñan os negocios en marcha, e para constituír e arrancar a empresa no caso das emprendedoras participantes.

Para chegar ao maior número de mulleres e facilitar a súa participación, as distintas accións realizaranse nas comarcas da Mariña, Lugo, A Ulloa, Terra Chá, Sarria, A Montaña e Ribeira Sacra.