Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións estará no centro de saúde de Cervo o martes

Por 7 Xullo, 2022Sin comentarios

A Unidade Móbil  de Axuda coas Reclamacións desprazarase o vindeiro martes 12 de xullo ao consultorio de Cervo no seu horario habitual, de 11.00 a 13.00 horas. Nesta ocasión redactarán reclamacións colectivas para demandar a presencialidade da médica de familia  de Cervo todos os días e a cobertura das dúas prazas que quedaron vacantes no centro de saúde de San Cibrao.

“A situación sanitaria no Concello de Cervo é alarmante ao ficar desde hai un tempo con dúas facultativas para todo o Concello, unha ubicada no centro de saúde de San Cibrao e a outra no consultorio de Cervo. Este déficit de profesionais vense dando dende hai anos, pola xubilación dun/ha dos facultativos e agravada por unha segunda xubilación hai uns meses. Estas dúas vacantes sen substituir en san Cibrao repercuten directamente na presencialidade continua no consultorio de Cervo, pola decisión da Xerencia  de desplazala  a san Cibrao dous días á semana. Así se anunciou cun cartaz no consultorio de Cervo, sen dar máis explicacións que durante xullo e agosto este centro estará sen médica os martes e venres “ e que as urxencias cando falte a titular “ atenderanse no centro de saúde de San Cibrao”, din dende o colectivo mariñao. 

Desde a Plataforma animan a veciños a que acudan o martes 12 de xullo ao consultorio de Cervo para facer efectiva a súa reclamación ,na que solicitamos presencia da facultativa todos os días en Cervo e substitución das dúas prazas vacantes no centro de Saúde de San Cibrao. Segundo explica a coordinadora da plataforma sanitaria, Montse Porteiro,  “non podemos consentir que a Xerencia e o Sergas se burlen deste xeito dun concello que queda con dúas facultativas durante xullo e agosto, nun Concello de máis de catro mil habitantes ,que duplicará a súa poboación en verán”.