Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Xunta elexiu a Mariña para lembrar a necesidade de protexerse fronte aos efectos do sol

Por 9 Xullo, 2022Sin comentarios

A Xunta de Galicia elexiu as praias da Mariña para lembrarlle á poboación da necesidade de protexerse fronte aos efectos do sol durante o verán e invita á cidadanía a desfrutar das praias dunha forma segura e responsable. Así o salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no areal de Xilloi, onde estivo acompañada por Fernando Valdés, dermatólogo do Hospital Público da Mariña.

Logo de incidir nas consecuencias negativas que pode ter o sol para a saúde se non se toma con responsabilidade, Ángeles Vázquez destacou o esforzo que vén realizando MeteoGalicia para ofrecer unha detallada información sobre a radiación ultravioleta.

Ademais de estar adherida desde o primeiro momento ao programa de comunicación de risco neste eido da Organización Mundial da Saúde e da Organización Mundial de Meteoroloxía, Galicia conta con 5 medidores da radiación, cuxos datos se ofrecen en tempo real na páxina web de MeteoGalicia, o que nos sitúa como “unha das comunidades que cronometra hora a hora os raios ultravioleta e esa información dámoslla á cidadanía”, aseverou a conselleira, para que poida realizar actividades de natureza e visitar espazos naturais, reservas de biosfera ou os areais de forma responsable.

Co obxectivo de seguir mellorando e actualizando o sistema, este verán púxose en marcha unha nova funcionalidade ante episodios de calor na que se teñen en conta o valor medio das temperaturas durante toda a xornada en cada municipio para o que, previamente, se calculan os valores que se poden considerar elevados para cada concello. 

Así, se a media dun determinado día é superior a esta, darase un aviso para ese municipio concreto -amarelo, laranxa ou vermello-. No caso de que estes episodios de calor duren polo menos 3 días e afecten a un número considerable de concellos, decretarase a situación de vaga de calor por parte da Consellería de Sanidade. Nesta liña, Ángeles Vázquez puxo en valor “a coordinación entre consellerías para que a información chegue aos cidadáns”.

A maiores, ante ás altas temperaturas que se están a rexistrar na Comunidade, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de non expoñerse ao sol nas horas centrais do día.