Skip to main content
Burela

Fit Dance e balonmán para o verán de Burela

Por 5 Xullo, 2022Sin comentarios

A Delegación de Deportes do Concello de Burela anuncia cursos de iniciación ao balonmán e un programa de Fit dance para este verán, dúas propostas totalmente gratuítas para aquelas persoas que desexen acudir ou inscribirse.

No caso do Fit Dance, realizarase na praia urbana todos os mércores de xullo e agosto a partir das 20:30 horas, e non será necesario inscribirse previamente. A actividade estará impartida por Belinda Canoura, do ximnasio Hawk, que ensinará nesta disciplina unha forma novidosa, divertida e sociable de facer exercicio, redundando positivamente na forma física, a saúde, a coordinación e a expresión corporal.

O pavillón dos Castros será o lugar onde se imparta o curso de iniciación ao balonmán, financiado pola Secretaría Xeral para o Deporte dentro do Plan Corresponsables. Será do 11 ao 22 de xullo, en horarios de mañá do 11 ao 15 e de tarde do 18 ao 22. Os cinco primeiros días, de 10 a 12 horas irán as nenas e nenos de 6 a 11 anos,  e de 12 a 14 horas, a rapazada de 12 a 16 anos. No últimos cinco días, os máis pequenos farán o horario de 16 a 18 horas, e os maiores, de 18 a 20 horas.

Aínda que a actividade é de balde, cómpre inscribirse a través do formulario habilitado na páxina web municipal (https://burela.org/gl/iniciacion-ao-balonman ) para a realización dos grupos.

O edil de Deportes, Ramiro Fernández, anima desde o concello a participar destas dúas actividades que “contribúen a manter o exercicio entre os veciños no período de vacacións co balonmán, así como aprender unha forma divertida a través do baile a facer algo de deporte na praia”.