Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

O ministro Luis Planas visitou Burela para realizar unha xuntanza con representantes do sector pesqueiro

Por 6 Xullo, 2022Sin comentarios

Dentro da súa viaxe institucional á provincia de Lugo fixo parada na Casa Consistorial burelesa para asinar o libro de honras.

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, mantivo un encontro co alcalde de Burela, Alfredo Llano, dentro da súa viaxe institucional á provincia de Lugo, facendo parada na localidade mariñana.

Á súa chegada ao Concello foi recibido polo alcalde e polos concelleiros e concelleiras do goberno municipal, así como outras autoridades alí presentes. A continuación, o ministro Planas foi acompañado ao despacho do alcalde para asinar o libro de honras nun breve encontro que mantiveron, onde puideron intercambiar impresións sobre a situación actual e sobre os temas que afectan nomeadamente á comarca.

O ministro agradeceu o traballo da corporación local a través da figura do seu alcalde polo traballo cos concidadáns, e moi especialmente “con el sector pesquero, que constituye su seña de identidad”, mencionando á confraría, lonxa e organización de produtores, que “merecen un reconocimiento especial como actores muy relevantes del sector pesquero español”.

Pola súa banda, Alfredo Llano agradeceu a visita do ministro sinalando a importancia de que “os cargos políticos máis relevantes do noso país veñan á Mariña e visiten Burela como referente no sector náutico pesqueiro, dando a oportunidade aos distintos axentes de trasladar inquedanzas ou problemáticas en persoa ao propio ministro e establecendo un diálogo directo que imprime a intención do goberno do estado polo contacto coa xente e a sensibilidade e escoita activa para coas súas necesidades”.

Tras a sinatura do libro, Luis Planas dirixiuse ao porto para realizar a xuntanza programada co sector pesqueiro.