Skip to main content
Burela

Rematados os traballos de asfaltado e sinalización horizontal en 10 vías de Burela

Por 20 Xullo, 2022Xullo 21st, 2022Sin comentarios

Foron rehabilitadas a rúa Rosalía de Castro, Avenida da Mariña, rúa e travesía dos Castros, rúa dos Colexios, rúa Vilar, rúa da Igrexa, travesía do Río, rúa Vilastrofe, rúa Pascual Veiga e rúa Amoreiras.

O Concello de Burela informa de que xa están finalizadas as obras do proxecto de rehabilitación de firmes no que se investiron 355.757 euros de fondos municipais para renovar un total de 2,5 quilómetros lineais de estrada no casco urbano. 

Un mes despois do anuncio da Delegación de Urbanismo co inicio das obras, xa están reparados os firmes da calzada de varias rúas con asfaltado en quente para mellorar a súa seguridade e durabilidade, incluíndo así mesmo a renovación completa da sinalización horizontal coas tarefas de pintado.

Finalizadas as obras, a veciñanza xa pode ver os resultados da rehabilitación na rúa Rosalía de Castro, entre a rúa Lamestra e a Avenida da Mariña; a Avenida da Mariña no acceso ao cemiterio e entre a travesía dos Castros e a rúa Pardo Bazán; o cruce da travesía dos Castros, a rúa dos Castros e a rúa dos Colexios; a rúa Vilar entre Avenida Pomeda e a fonte pública; a rúa da Igrexa entre Avenida Arcadio Pardiñas, rúa do Cancelo e rúa Fontela; a travesía do Río; a rúa Vilastrofe; rúa Pascual Veiga; e rúa Amoreiras.

Este plan do goberno, financiado exclusivamente con fondos das arcas locais, supón unha actuación estrutural que conta cunha grande inversión por parte do executivo municipal e pretende conservar as características funcionais das zonas, tal como a seguridade ou a comodidade na circulación, e mellorar tamén a protección do conxunto do firme cunha capa duns 5 centímetros de espesor, aumentando a durabilidade, impermeabilidade ou a unidade no aspecto, entre outros. 

O concelleiro de Urbanismo, Ramiro Fernández, amosouse satisfeito con esta intervención “na que se lle deu xa outro aspecto e funcionalidade a moitas das zonas de Burela que contan con tránsito habitual de vehículos”, afirmando que “acurtamos os tempos na medida do posible para ocasionar as mínimas molestias aos veciños, aos que tivemos permanentemente informados, tendo en conta sempre que a climatoloxía e outras variables ás veces modifican o plan inicial”.

A aposta do goberno local por mellorar a circulación, o tráfico e a seguridade “é firme, e sabemos que aínda que as obras traen certas limitacións, agora a vila quedou moito mellor e todos desfrutamos da calidade e do resultado da renovación das estradas e sinalización en moitos puntos do casco urbano”.