Skip to main content
Foz

Foz: Paseo marítimo

Por 17 Xullo, 2022Xullo 18th, 2022Sin comentarios

Un paseo a carón do mar desfrutando das vistas e do bo tempo.

O paseo marítimo de Foz é unha das alternativas para os visitantes que visitan o Concello e a comarca e desexan facer un roteiro non moi longo. Non é unha simple vía peonil turística, senón que combina tramos urbanizados, areais e carreiros; mentres bordea o litoral costeiro da localidade.

Saíndo desde o porto polo paseo marítimo haberá que dirixirse polo camiño sinalizado cara á praia da Rapadoira, a cal deberemos cruzar para enlazar cunha pequena pista que nos levará á parte alta dos cantís.

A praia da Rapadoira é unha praia urbana de area fina e branca e, que ademais, está protexida. Este é un dos motivos que a converten nun lugar ideal para ir en familia con nenos. Esta protección consiste nun espigón no que se forma unha piscina natural onde os nenos poden bañarse sen temor, xa que nesta as ondas non teñen cabida.

O paseo continuará polo litoral seguindo a  siñalética e pasando por puntos de interese como son Punta  Tamaniña, a praia de  Peizás e de  Sarrido. O castro de Fazouro será outra das paradas que haberá que facer tanto para visitar os restos do poboado  castrexo como para poder contemplar as fermosas vistas sobre Area Longa.

O camiño pasa polo miradoiro Punta do corno, que se chama así por ser un promontorio rochoso con forma de corno. Achega unha particular estampa á paisaxe costeira e debaixo hai unha cala que non conta con acceso de baixada.

Tamén pasa polo Ollo  do Mar, un foxo en forma de corredor no mar no que a auga entra e sae golpeando as rocas creando un son e un cheiro peculiares, con sabor a mar.

O trazado que inicialmente se expón como un percorrido de algo máis de dez quilómetros, pode adaptarse ás posibilidades de cada persoa; ofrecendo varias alternativas para acurtar o percorrido.